Xosé Touriñán

Código Fonte Audiovisual con Xosé A. Touriñán

con XOSÉ A. TOURIÑÁN apadriñado por FELIPE G. GIL e MARÍA YÁÑEZ (EMBED)

Sábado 26 // 12:30 -13:30 no Auditorio do Forum

O colectivo EMBED presenta o Código Fonte Audiovisual, un formato híbrido entre a conferencia e a proxección no que se convida un “curator” para que seleccione e comente pezas de vídeo “embebibles” que sexan referenciais para esa persoa: o seu código fonte de cultura audiovisual.

Os CFA inauguráronse en marzo de 2010, no 12 Festival Internacional ZEMOS98 de Sevilla, e dende entón lévanse feito máis dunha ducia en distintos eventos e lugares do Estado, e tamén en forma de artigos para a publicación EMBED.

Onde nunca se fixeran era en Galicia, e para todo hai unha primeira vez. O convidado elixido é Xosé Antón Touriñán, que nos fará unha “videocontada” en torno ao imaxinario audiovisual que proxectamos desde Galicia a través dos vídeos que se poden ver en Youtube.

Xosé A. Touriñán. A súa vis cómica converteuno en poucos anos nunha das caras máis coñecidas da canle autonómica, onde ten interpretado personaxes para programas de variedades e teleseries. Levou o seu humor a formatos como programas nocturnos, sketches, comedias de situación e espazos divulgativos. Ademais presentou a gala dos Premios Mestre Mateo en 2010 e 2011. Tamén ten experiencia pùntual en radio, teatro e cinema. Na televisión comezara en 2005 dentro do Supermartes, xa interpretando o papel que o popularizou, o de Mucha do dúo As cantareiras de Ardebullo formado con Marcos Pereiro. Estes personaxes pasaron despois a Luar, e desde 1999 protagonizan monólogos ao vivo, pregóns e actuacións ao aire libre e en locais. Na actualidade podémolo ver no programa da TVG A casa da Conexa.

Felipe G.Gil. atopábase na barriga da súa nai cando Tejero entrou pegando disparos no Congreso. Máis tarde adicouse a gravar programas de radio en cintas de casete e a fantasear con que un día sería un gran comunicador. Tras unha breve crise de 3 días e 10 minutos (exactamente) na que dubidou se facer a carreira de administración e dirección de empresas, cometeu un dos seus mellores erros da súa vida: estudiar Comunicación Audiovisual. Foi aí onde coñeceu un grupo de imberbes cos que durante os últimos anos da súa vida desenvolveu infinidade de proxectos, a maioría á marxe do sentido común, pero todos eles encadrados dentro do contexto da educación, a comunicación audiovisual e a cultura libre. Por certo, non creades nada de él. É un contista e un teatreiro. E publica cando en vez en www.eldiario.es.

María Yáñez é xornalista, investigadora e produtora de contidos dixitais. Leva traballando 15 anos en cine, televisión e internet, sobre todo explorando as interseccións entre estes medios. É especialista en narrativas interactivas e transmedia, en contido web e en distribución e promoción audiovisual en internet. É socia e co­fundadora de A Navalla Suíza, empresa de comunicación dixital e co­editora de EMBED.at, publicación en torno ao audiovisual integrado.Traballa de xeito independente como profesora de novas narrativas dixitais e documental interactivo, e tamén deseñando e executando estratexias de contidos dixitais e comunicación online para distintos proxectos relacionados co audiovisual. De xornalista pouco lle queda, pero colabora co xornal Praza Pública e coa Revista Luzes desde o nacemento dos dous, escribindo ás veces e formando parta do seu comité de redacción. É seareira do CD Lugo.