Estrea Malviviendo

Quedaba algunha sorpresa por desvelar da programación do Carballo Interplay, e aquí está: estrearemos o novo capítulo da webserie “Malviviendo”, titulado “Asignaturas pendientes”,  coa presenza de dous dos seus creadores, David Sáinz e Teresa Segura, que como sabedes son ademais os padriños do festival. Será o venres  25 ás 21:30h, en primicia mundial no Pazo da Cultura de Carballo.

Malia ser unha serie pensada para a web, as estreas dos capítulos de “Malviviendo” en pantalla grande son todo un fenómeno de público, un acontecemento que enche salas, bares e teatros por toda a España. Os asistentes ao CIP terán o privilexio de asistir de xeito gratuíto a esta estrea mundial, e de conversar cos seus creadores.

Sabemos que hai moitos seguidores da serie en terras galegas, mais se aínda non o sodes, recomandámosvos que a vexades desde o seu comezo. Poñédevos ao día en Malviviendo.com. Aquí tedes o último episodio ata agora, o 3×08, que precede ao que estrearemos en Carballo.