Carballo, capital de Bergantiños, asenta na beira norte da Costa da Morte. Capital e epicentro económico e comercial da comarca, cruce de camiños entre Santiago, A Coruña e Fisterra, a vila é na actualidade un núcleo dinámico e cheo de vida, con gran capacidade de atracción.
Centos de persoas achéganse día a día á nosa vila pola súa oferta cultural e de ocio, a súa rede de servizos e o pulo das súas feiras e do mercado de proximidade. Cos seus xa máis de 31.000 habitantes, o concello entrou no século XXI como un dos meirandes de toda Galicia e dos máis densamente poboados da provincia da Coruña.
O 60 por cento das e dos carballeses viven na vila, que conta cunha importante franxa de poboación moza, chea de enerxía e de proxectos.
Entre o mar e a terra, entre o impulso dunha vila comercial e de servizos, e un rural que destacou sempre pola fertilidade das terras de Bergantiños, Carballo estende enérxico as súas raíces cara ao futuro.