Saúdo do Concello de Carballo

Moito se fala ultimamente da crise, ou das crises. Se económica, se bancaria, se de valores… Sexa como for, o que está claro é que do que non hai crise é de ideas e proxectos. E iso queremos contribuír a visibilizar! Claro que ás creadoras e creadores lles afectan esas crises producidas por outr@s, mais iso non pode provocar que lles queden invisibilizadas as súas ideas, os seus proxectos, as súas creacións… Todas e todos as necesitamos!

Hai moita xente facendo e difundindo moitas cousas, e moi boas, pola rede. E as webseries son un bo exemplo.

Desde o Concello de Carballo, como administración pública que somos, temos a obriga e a responsabilidade de apoiar e fomentar a creatividade da xente, de apoiar as creadoras e creadores, de visibilizar a cultura que facemos, de apoiar o desenvolvemento da industria cultural e de dar a coñecer, tamén, a nosa vila, facela dinámica, viva, acolledora, humana e moderna. Por iso, por todas estas cousas, aquí estamos, organizando este primeiro CARBALLO INTERPLAY.

As redes sociais ferven de ideas, interaccións e comunicacións, e con este festival, Carballo quere converterse por uns días nesa rede social, interactiva, mais non virtual, en que fervan ideas, interaccións e comunicacións. Que o virtual se converta aquí nun pouco máis real. Que quen de cando en vez ve unha webserie soa ou só desde o seu computador tamén a poida ver en Carballo, acompañad@ por moita outra xente, nun auditorio. Que quen comenta e opina sobre unha webserie nas redes sociais, tamén o poida facer aquí tomando uns viños e unhas tapas con outros/as seguidores/as desa serie, e incluso cos seus actores, coas súas guionistas…

Para isto está este CARBALLO INTERPLAY.

Para isto vos agardamos en Carballo, que está a un paso.

#QuedamosEnCarballo?