Palmarés do I Carballo Interplay

clausura CIP

Rematou o I Carballo Interplay. Estas foron as webseries premiadas:

- Premio á mellor webserie en imaxe real: Les Coses Grans

- Premio á mellor webserie de animación: Ventura Time

- Premio á mellor webserie en lingua galega: Poetarras

Mención especial á webserie en lingua galega: Palabras secretas

– Premio ao mellor guión, concedido por AGAG: Entre pipas

– Mención especial ao guión de Lavida.es

- Premio á mellor interpretación feminina: Mar Ulldemolins por Les Coses Grans

– Premio á mellor interpretación masculina: Xúlio Abonjo e Luis Zahera por Entre Pipas

– Premio do público: Les Coses Grans

Moitos parabéns a todos!

CREA

Vide tomar un Vermú con CREA

Vide tomar un Vermú con CREA

Os directores galegos comparten experiencias virtuais entre olivas con óso

Este venres, a partir das 13.30 horas o Carballo Interplay colle forma de bar cuns parroquianos ben particulares. CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, achega a Carballo os seus encontros informais entre directores nunha edición na que as webseries serán as absolutas protagonistas. Realizadores consagrados no campo das series de ficción como Jorge Coira ou Giselle Llanio compartirán a súa experiencia cos directores dalgunhas das producións en competición no Interplay: Jorge Cassinello, director de Entre Pipas, recente Mestre Mateo á mellor webserie galega decantarase polos aperitivos salgados; Pablo Cacheda, director de Clases de lo Social, que nuns días inicia a rodaxe da súa segunda tempada, ha de coller forzas con algunha bebida isotónica. Os creadores da serie de animación Un Sitio Distinto, Nanny Mouro, Fran Rodríguez e Fernando Calvo son máis de quintos e barra como no mesmísimo Miñanco. Manolo Gago Rubén Lino e Dani Vilaverde son Poetarras dos de inspiración con alta graduación. Nas súas Conversas con Cunqueiro, Jorge Boquete fíxose incondicional das cuncas de ribeiro. E Ana Lois, directora da webserie documental Palabras Secretas aínda ha traer  algunha infusión da avoa. Vaia, que vai ser un vermú para todos os gustos.

Esta primeira edición do Vermú con CREA recolle a tradición do que a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia bautizou no seu momento como “Cafés con CREA”. Trátase de conversas desenfadadas entre directores, a medio camiño entre a terapia de grupo e o encontro con amigos, nas que poder poñer sobre a mesa dúbidas, inquedanzas ou sensacións para compartilas con xente que sabe ben do que estás a falar. Nos últimos anos os Cafés con CREA pasaron por festivais como o Curtocircuito, Cans ou o S8 e a súa chegada a Carballo procura verquer luz sobre o oficio da dirección nun formato tan novidoso como a webserie.

Así que xa sabedes, se vos apetece coñecer de primeira man o traballo da dirección de webseries, compartir a vosa experiencia, resolver as vosas dúbidas ou simplemente tomar un vermú con xente cargada de anécdotas e ilusións o voso sitio está no Fórum de Carballo este venres a partir das 13:30 horas.

 

Malviviendo 3x09

Carballo acollerá a estrea mundial do capítulo 3×09 de “Malviviendo”

Quedaba algunha sorpresa por desvelar da programación do Carballo Interplay, e aquí está: estrearemos o novo capítulo da webserie “Malviviendo”, titulado “Asignaturas pendientes”,  coa presenza de dous dos seus creadores, David Sáinz e Teresa Segura, que como sabedes son ademais os padriños do festival. Será o venres  25 ás 21:30h, en primicia mundial no Pazo da Cultura de Carballo.

Malia ser unha serie pensada para a web, as estreas dos capítulos de “Malviviendo” en pantalla grande son todo un fenómeno de público, un acontecemento que enche salas, bares e teatros por toda a España. Os asistentes ao CIP terán o privilexio de asistir de xeito gratuíto a esta estrea mundial, e de conversar cos seus creadores.

Sabemos que hai moitos seguidores da serie en terras galegas, mais se aínda non o sodes, recomandámosvos que a vexades desde o seu comezo. Poñédevos ao día en Malviviendo.com. Aquí tedes o último episodio ata agora, o 3×08, que precede ao que estrearemos en Carballo.

Xosé Touriñán

Código Fonte Audiovisual con Xosé A. Touriñán

con XOSÉ A. TOURIÑÁN apadriñado por FELIPE G. GIL e MARÍA YÁÑEZ (EMBED)

Sábado 26 // 12:30 -13:30 no Auditorio do Forum

O colectivo EMBED presenta o Código Fonte Audiovisual, un formato híbrido entre a conferencia e a proxección no que se convida un “curator” para que seleccione e comente pezas de vídeo “embebibles” que sexan referenciais para esa persoa: o seu código fonte de cultura audiovisual.

Os CFA inauguráronse en marzo de 2010, no 12 Festival Internacional ZEMOS98 de Sevilla, e dende entón lévanse feito máis dunha ducia en distintos eventos e lugares do Estado, e tamén en forma de artigos para a publicación EMBED.

Onde nunca se fixeran era en Galicia, e para todo hai unha primeira vez. O convidado elixido é Xosé Antón Touriñán, que nos fará unha “videocontada” en torno ao imaxinario audiovisual que proxectamos desde Galicia a través dos vídeos que se poden ver en Youtube.

Xosé A. Touriñán. A súa vis cómica converteuno en poucos anos nunha das caras máis coñecidas da canle autonómica, onde ten interpretado personaxes para programas de variedades e teleseries. Levou o seu humor a formatos como programas nocturnos, sketches, comedias de situación e espazos divulgativos. Ademais presentou a gala dos Premios Mestre Mateo en 2010 e 2011. Tamén ten experiencia pùntual en radio, teatro e cinema. Na televisión comezara en 2005 dentro do Supermartes, xa interpretando o papel que o popularizou, o de Mucha do dúo As cantareiras de Ardebullo formado con Marcos Pereiro. Estes personaxes pasaron despois a Luar, e desde 1999 protagonizan monólogos ao vivo, pregóns e actuacións ao aire libre e en locais. Na actualidade podémolo ver no programa da TVG A casa da Conexa.

Felipe G.Gil. atopábase na barriga da súa nai cando Tejero entrou pegando disparos no Congreso. Máis tarde adicouse a gravar programas de radio en cintas de casete e a fantasear con que un día sería un gran comunicador. Tras unha breve crise de 3 días e 10 minutos (exactamente) na que dubidou se facer a carreira de administración e dirección de empresas, cometeu un dos seus mellores erros da súa vida: estudiar Comunicación Audiovisual. Foi aí onde coñeceu un grupo de imberbes cos que durante os últimos anos da súa vida desenvolveu infinidade de proxectos, a maioría á marxe do sentido común, pero todos eles encadrados dentro do contexto da educación, a comunicación audiovisual e a cultura libre. Por certo, non creades nada de él. É un contista e un teatreiro. E publica cando en vez en www.eldiario.es.

María Yáñez é xornalista, investigadora e produtora de contidos dixitais. Leva traballando 15 anos en cine, televisión e internet, sobre todo explorando as interseccións entre estes medios. É especialista en narrativas interactivas e transmedia, en contido web e en distribución e promoción audiovisual en internet. É socia e co­fundadora de A Navalla Suíza, empresa de comunicación dixital e co­editora de EMBED.at, publicación en torno ao audiovisual integrado.Traballa de xeito independente como profesora de novas narrativas dixitais e documental interactivo, e tamén deseñando e executando estratexias de contidos dixitais e comunicación online para distintos proxectos relacionados co audiovisual. De xornalista pouco lle queda, pero colabora co xornal Praza Pública e coa Revista Luzes desde o nacemento dos dous, escribindo ás veces e formando parta do seu comité de redacción. É seareira do CD Lugo.

 

arabian evils

Concerto: Arabian Evils + Apart + The Gentlemen + Antón DJ

Venres 25 de abril as 23h na SALA DUBLÍN
Entrada: 3 euros 

ARABIAN EVILS é o proxecto de 4 rapaces de Carballo aos que lles gusta o punk, o skate, a cervexa barata e a pizza. Cristian Andrade e Andrés Andrade, membros doutros grupos xa extintos, forman a mediados de 2013 a banda xunto con Dani Vecino e Adrián Vilanova tras ver que as súas ideas musicais e a súa paixón polo monopatín eran semellantes e raras nun pobo pequeno.

Mesturan o punk melódico e soleado de bandas californianas como Green Day, NOFX ou Pennywaise coa primeira onda do hardcore como Black Flag. Todo empatizado con tinguiduras surf cos Dead Kennedys sempre presentes e un son próximo a bandas da nova xeración garagera americana como FIDLAR ou Wavves. Música para patinar ou facer o cafre en directo á beira da praia.

arabian evils

Apart, nace no ano 2013 en Carballo, formada por Pedro Ramos, Iago Pardiñas, Ines Blanco, Robin Mallo e Daniel Barreiro.

Unha melódica voz feminina acompañada dun son coidado e potente caracteriza o estilo do grupo. O seu repertorio combina composicións propias con temas do rock e indie internacional.

Apart é unha banda xoven que busca facerse un oco na actual escena musical.

apart

The Gentlemen Band nace no ano 2011 da man dun grupo de adolescentes de 16-17 anos baixo o nome dos Green Cold Padron Peppers. Uns meses máis tarde, úneselles outro rapaz da súa idade como guitarra solista. Nace entón The Gentlemen Band, que mantivo a súa formación ata 2012, onde a súa vocalista, Pepa Arán, marcha aos Estados Unidos. O seu posto é ocupado por Lucía Miranda, continuando a traxectoria musical do grupo ata hoxe. Os compoñentes actuais son: Sebas López (batería), Fer Lantes (baixo), Manolo Mesejo (guitarra) Xaquín Lema (guitarra) e Lucía Miranda (voz).

As súas principais influencias son os grupos angloparlantes (principalmente do Reino Unido ou os seus dominios) das décadas dos ’60, ’70 e ’80; aínda que tamén están comezando a aflorar algúns temas propios que se verán reflexados nunha maqueta que saldrá á luz a finais deste ano.

gentlband

ANTÓNDJ comeza con 17 anos poñendo discos dos Smiths,The Cure e outros moitos na mítica Roda de Malpica. Logo duns anos alonxado da música, retorna fai catro pinchando en Ponteceso, Asturias (no Soho Bar de Xixón) Burgos ( Sala Copperclub)  e Madrid ( Sala Yes we dance). Comparte cabina con dj’s como Legoteque  (salas Razzmatazz,Crappy Tuestdays ) Hall 9000 ( sala Fade in/Fade out ),Kimberly i Clark ou Hugo Le-loup.

No último ano ten unha residencia fixa na Sala A Reserva de Carballo.

Dirixe e presenta un programa de radioweb en internet chamado Zona Matrix onde podes escoitar todas as novidades da música alternativa actual,dende o rock,  pop, indie e electrónica. As súas sesións xiran dende o brit pop dos 90, ata o punk mais demoledor e o pop máis alegre,pasando pola electrónica máis bailable, sempre cun denominador común:que a xente non pare de bailar en toda a noite.

anton dj

Vermú con CREA

Venres 25 de abril, de 13:30 a 14:30.

VERMU con crea_03

Vermú con crea é un encontro informal entre directores.

Calquera excusa é boa para reunirse e falar de cine, de televisión, de videocreación ou, coma neste caso… de webseries.

Este vermú, que nace da vontade de colaboración entre o Carballo Interplay e CREA (asociación de directores e realizadores de Galicia), tratará sobre a dirección nas webseries. En compañía de varios directores experimentados nesta nova liña de traballo, falaremos das súas peculiaridades, das diferenzas e os puntos en común co traballo noutros formatos, dos retos e das dificultades…

E todo mentres tomamos, tan a gusto, un vermú (ou o que cada un queira, por suposto).

Chin, chin!

 

 

Felipe G. Gil

Mesa redonda: novas narrativas audiovisuais na web

Fórum Carballo, venres 25 de abril ás 10:30h.

Internet mudou non só a forma en que se consomen, producen e distribúen os contidos audiovisuais. Está a mudar a maneira en contamos historias, a súa linguaxe e gramática, ao tempo que se multiplican os temas, nacen xéneros e formatos novos e as imaxes son recicladas e recombinadas ata o infinito. A fin de contas, o que se multiplica é a capacidade da xente para narrar en imaxes a través dos medios que ten ao seu dispor, desde os móbiles ou as cámaras web ata Youtube ou Vine, e compartilas en forma de webseries, webdocumentais, tutoriais, remixes, memes ou os gifs animados.

Para compartir ideas e reflexionar sobre cada a ónde avanzan as narrativas en internet contaremos con David Sainz e Teresa Segura (Different Entertainment, Malviviendo), que tanto triunfan no formato webserie como exploran os microvídeos con Vine ou o formato longametraxe con Obra 67; con Felipe G. Gil (EMBED, ZEMOS98) que leva anos investigando e practicando en torno á cultura do remix e as narrativas audiovisuais de código aberto, e a guionista de TV Lidia Fraga, experta na creación de ficción en distintas plataformas.

Modera: María Yáñez

 

Concerto: Unicornibot + Calixta + DJ Bigote Mix

UNICORNIBOT + CALIXTA + DJ BIGOTE MIX

Sábado 26 de abril ás 23h na SALA DUBLÍN (Carballo)

Entrada: 5 euros

Os pontevedreses Unicornibot son unha das bandas estatais co directo máis enerxético e divertido que poderás atopar. Prescindindo da voz, levan case cinco anos paseando por España, Portugal e outros moitos países de Europa a súa tola mezcla de rock instrumental de alto volume, unha posta en escena de contacto total co público e sentido do humor, deixando por onde pasan unha cada vez máis grande lexión de seguidores. O seu último traballo, Mambotron (Matapadre, 2013) foi referenciado como un dos mellores traballos do ano pasado en todos os medios de comunicación especializados.

unicornibot

Calixta son un dúo enerxizante de rock directo, cru e sanguinolento, Só armadas con batería, guitarra e quintais de actitude, son unha batedora imparable de garage, sludge, grunge e distorsión en xeral. Dúas rapazas con ganas de papar o mundo e con moi pouco reparo en ensinar os dentes, levan xa uns meses dando moito que falar en Galicia e os seus próximos movementos empezan a ser agardados con ansiedade. O Carballo Interplay é o vindeiro.

Calixta

Arrinca o obradoiro de series web

talleres-01

Hoxe comezou o obradoiro de series web impartido por MAGNETOVA con Javi Camino, Enrique Lojo e Daniel Vilaverde. Un total de vinte mozos e mozas carballeses de entre 16 e 35 anos participan no Taller de Webseries. Despois do remate do prazo de inscrición o luns 3 de marzo, cubríronse todas as prazas ofertadas, o que amosa a boa acollida desta iniciativa. Este obradoiro do CIP é unha actividade gratuíta que pretende achegarlles aos e ás participantes os conceptos básicos para realizar unha serie web, dende a idea orixinal, pasando polo proceso de desenvolvemento do guión, produción, rodaxe e montaxe. O obxectivo é a creación dunha webserie composta por cinco capítulos cunha temática que xire arredor do Concello de Carballo.

Premio ao mellor guión patrocinado por AGAG

As webseries seleccionadas poderán optar tamén a un novo premio: PREMIO AO MELLOR GUIÓN. Este premio está patrocinado pola Asociación Galega de Guionistas (AGAG) e terá unha dotación económica de 200 euros máis trofeo.

Como xa veñen de facer noutros festivais como O Festival de Cans (Porriño) ou o Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuito (Compostela) os compañeiros guionistas colaborarán como patrocinadores no Festival Carballo Interplay abrindo un novo premio para os seleccionados.

AGAG2