CREA

Vide tomar un Vermú con CREA

Vide tomar un Vermú con CREA

Os directores galegos comparten experiencias virtuais entre olivas con óso

Este venres, a partir das 13.30 horas o Carballo Interplay colle forma de bar cuns parroquianos ben particulares. CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, achega a Carballo os seus encontros informais entre directores nunha edición na que as webseries serán as absolutas protagonistas. Realizadores consagrados no campo das series de ficción como Jorge Coira ou Giselle Llanio compartirán a súa experiencia cos directores dalgunhas das producións en competición no Interplay: Jorge Cassinello, director de Entre Pipas, recente Mestre Mateo á mellor webserie galega decantarase polos aperitivos salgados; Pablo Cacheda, director de Clases de lo Social, que nuns días inicia a rodaxe da súa segunda tempada, ha de coller forzas con algunha bebida isotónica. Os creadores da serie de animación Un Sitio Distinto, Nanny Mouro, Fran Rodríguez e Fernando Calvo son máis de quintos e barra como no mesmísimo Miñanco. Manolo Gago Rubén Lino e Dani Vilaverde son Poetarras dos de inspiración con alta graduación. Nas súas Conversas con Cunqueiro, Jorge Boquete fíxose incondicional das cuncas de ribeiro. E Ana Lois, directora da webserie documental Palabras Secretas aínda ha traer  algunha infusión da avoa. Vaia, que vai ser un vermú para todos os gustos.

Esta primeira edición do Vermú con CREA recolle a tradición do que a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia bautizou no seu momento como “Cafés con CREA”. Trátase de conversas desenfadadas entre directores, a medio camiño entre a terapia de grupo e o encontro con amigos, nas que poder poñer sobre a mesa dúbidas, inquedanzas ou sensacións para compartilas con xente que sabe ben do que estás a falar. Nos últimos anos os Cafés con CREA pasaron por festivais como o Curtocircuito, Cans ou o S8 e a súa chegada a Carballo procura verquer luz sobre o oficio da dirección nun formato tan novidoso como a webserie.

Así que xa sabedes, se vos apetece coñecer de primeira man o traballo da dirección de webseries, compartir a vosa experiencia, resolver as vosas dúbidas ou simplemente tomar un vermú con xente cargada de anécdotas e ilusións o voso sitio está no Fórum de Carballo este venres a partir das 13:30 horas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>