Presentamos outra das actividades estrela deste II Carballo Interplay. Venga Monjas e Malviviendo cara a cara nunha noite que terá algo de combate épico e algo de concurso televisivo dos 90. A través dunha serie de pruebas, os nosos contrincantes bateranse en duelo para diseccionar os seus vídeos favoritos de internet, porán a proba os seus coñecementos sobre Youtube  e tentarán devolverlle os golpes ao adversario. Un evento no que o público, como xurado, decidirá quen sae airoso e quen bica a lona.

Combatentes:

vengamonjas

Por Venga Monjas: Xavi Daura e Esteban Navarro forman este dúo cómico de Barcelona coñecido polo seu traballo online, aínda que tamén teñen traballado en publicidade, televisión e marcas. Amantes da boa vida e o noble, o seu obxectivo é facer rir dunha forma honesta e sen trucos.

davidteresa

Por Malviviendo: David Sainz e Teresa Segura viven en Sevilla e levan traballando 6 anos xuntos en Different Entertainment, a produtora que crearon en 2009 a partir do éxito da webserie “Malviviendo” e coa que levan creado e producido varias series para TV, publicidade, videoclips, curtametraxes e a longametraxe “Obra 67″.  Actualmente realizan e producen a webserie de animación “Comaland” e o falso documental “Entertainment”, mentres preparan a súa segunda longametraxe.

 

Árbitros: Quique e o Primo Dani  (“El viudo quiere mimos”)

viudo

Quique. 26 anos. Viúvo de profesión e triste por vocación. Dende pequeno recibiu unha educación nos máis prestixiosos colexios privados que o incapacitou para a vida real. Unha vez tivo unha moza á que quería pero agora xa non a ten; está morta. Todo o que ama Quique acaba morrendo: as plantas, os gatos, os musicais… Dedica o seu tempo a resolver crucigramas e a chorar pola muller que NUNCA recuperará.

Primo Dani. Idade descoñecida. Criouse na rúa entre traficantes, sicarios e comerciais de Jazztel. Pasou longas épocas en países orientais desempeñando actividades descoñecidas pero que lle retribuíron grandes beneficios (que logo perdería comprando accións de Forum Filatélico). O seu obxectivo na vida é evitar o suicidio do seu primo Quique (porque é o seu único amigo) e demostrarlle que aínda lle quedan moitas mulleres coas que fracasar.

 

Venres 17 de abril ás 20:30 no Pazo da Cultura de Carballo.