O CINEMA EN PRIMEIRA PERSOA web

Impartido por Eloy Domínguez Serén.
Duración: 20 horas
Nº de prazas: 20
Datas: 17 – 21 novembro
Horario: 16 h – 20h
Cota de inscrición: 20 euros

”Fai visíbel o que, sen ti, tal vez nunca tería sido.”
Robert Bresson

Nunca antes fora tan accesíbel traducir as nosas ideas en imaxes e son. Visibilizar as nosas inquietudes, reflexións e emocións a través do medio audiovisual. As innovacións tecnolóxicas e a evolución dos formatos dixitais propiciaron un terreo extraordinariamente fértil, estimulante e inspirador no ámbito das artes visuais e sonoras. Un ámbito asombroso e desafiante, no que cada un de nós pode agora decidir formar parte activa.
Este crecente acceso aos medios audiovisuais derivou, en consecuencia, nunha progresiva subxectivización do discurso cinematográfico, propiciando pola súa banda un prodixioso auxe de filmes narrados en primeira persoa ou de representación do ”eu”.
Este curso propón un apaixonado achegamento teórico e práctico a esta fascinante modalidade de creación, na que trazaremos un amplo e detallado percorrido por métodos que van dende a narración autobiográfica ata o diario filmado, pasando polos cadernos de viaxe, o cinema de ámbito familiar, o autorretrato ou mesmo a auto-parodia. Existen historias que tan só nós, cada un de nós, pode narrar. Iso único que, como di Bresson, nunca tería existido sen nós. O principal obxectivo deste curso é o de intentarmos, xuntos, atopar, explorar e compartir esas historias.

OBXECTIVOS
As innovacións tecnolóxicas e a evolución dos formatos dixitais permitiron nos últimos anos unha excepcional accesibilidade ás ferramentas de creación audiovisual e, en consecuencia, os novos dispositivos de filmación permitiron un achegamento máis directo e inmediato en ámbitos da realidade, cotianidade ou intimidade. Estas circunstancias derivaron, consecuentemente, nunha crecente subxectivización do discurso no cinema de non ficción, que impulsou o prodixioso auxe de proxectos en primeira persoa. O principal obxectivo deste curso é o de familiarizar aos nosos alumnos e alumnas cun tipo de cinema que, malia e gozar de prestixio e adoita acadar unha magnífica acollida en festivais especializados, é aínda relativamente descoñecido entre o público xeral. Os nosos alumnos e alumnas non só descubrirán os principais estilos, filmes e autores neste eido, senón que aprenderán tamén a analizar os seus proxectos e adquirirán un amplo coñecemento da metodoloxía de traballo neste tipo de producións. Esta parte teórica será complementada con actividades e exercicios aplicados.

PROGRAMA
Durante o noso curso trazaremos un amplo e detallado percorrido polas diversas propostas coas que autores de todo o mundo desafiaron os límites da modalidade de cinema en primeira persoa e a representación dun mesmo, analizando casos que oscilan entre os métodos da narración autobiográfica, o diario filmado, o caderno de viaxes, o cinema de ámbito familiar, o autorretrato ou mesmo a auto-parodia. Xunto a estes contidos teóricos, estimularemos tamén actividades e exercicios que animen a os e as estudantes a rexistrar imaxes propias sobre as que traballaremos e reflexionaremos xuntos.

eloy

Eloy Domínguez Serén (Simes, Pontevedra, 1985) comeza a súa actividade no ámbito do cinema no ano 2010, como crítico de Radio Galega e como cofundador e codirector d’A Cuarta Parede. Ese mesmo ano é membro do xurado novo da 67ª Mostra de Venecia. En 2011 escribe e dirixe a súa primeira curtametraxe documental, Fills de Samsó, coproducida por Televisió de Catalunya. En 2012 trasládase a Estocolmo, onde realiza a súa segunda curtametraxe, Pettring, estreada no Festival de Cine Europeo de Sevilla e programada nunha ducia de festivais internacionais. En 2014 é seleccionado polo festival Punto de Vista como un dos tres participantes no proxecto X-Films e presenta o seu proxecto Norte, Adiante no Museo Reina Sofía. Na primavera de 2014 traballa como profesor de cinema nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf (Alxeria) e en novembro deste ano estrea os seus dous novos proxectos: Jet Lag no Festival de Sevilla e No Novo Céio no Stockholm Film Festival.
 
www.eloydseren.com