Audiovisual e internet na Costa da Morte

Carballo é unha vila ao noroeste da provincia da Coruña, no noroeste de Galicia e tamén no da Península Ibérica. Ten 30.000 habitantes e é a capital da comarca de Bergantiños. Sitúase ás portas da Costa da Morte, unha zona marítima coñecida polos seus naufraxios, as súas sobrecolledoras paisaxes e cantís (capaces de protagonizar películas premiadas internacionalmente como “Costa da Morte”, de Lois Patiño) e por praias como a de Razo, estupendas para facer surf.

Na Costa da Morte a forza da marea é quen de afundir petroleiros, facer medrar os mellores percebes de occidente ou provocar a éxtase sensorial dos seus visitantes, especialmente cando hai temporal. Tamén a dos seus habitantes, que malia todo levan con bastante tranquilidade iso de vivir na fin do mundo.

festi

Alí celébrase desde o ano pasadoCarballo Interplay, un festival de contidos dixitais no que as webseries son as protagonistas. De feito foi un evento pioneiro ao organizar a primeira competición de webseries de España. Pero os seus contidos van máis alá da ficción seriada e buscan explorar as posibilidades de internet como medio para a narración, o humor más trasgresor, a non ficción, o patrimonio audiovisual dixital ou a performance interactiva, sempre co vídeo como base.

Na súa primeira edición, pasada por auga mais non por iso menos animada, acudiron centos de persoas á cita con Malviviendo, que estreou un dos derradeiros capítulos da súa historia no noso festival. Os seus creadores, David Sainz e Teresa Segura, actuaron como padriños do festival e a súa presenza revolucionou Carballo. Durante tres días asistimos a proxeccións de webseries, coloquios sobre novas narrativas e contido dixital, concertos brutais como o de Unicornibot, sesións vermú pinchadas por DJ Bigote Mix ou confesións performativas como a do cómico Xosé Antonio Touriñán, que nos desvelou o seu código fonte audiovisual e o de toda unha xeración de galegos: desde o penalti fallido de Djukic ata Mareas Vivas, os anuncios de Gadis ou clásicos do Youtube patrio como José Tojeiro, o da “drogha no colacao”.

festi2

E houbo premios, claro. Nunha gala presentada por Angélica y Roberta outorgáronse os primeiros galardóns dun festival de webseries en España. Gañaron “Les coses grans”, de Roger Coma, como mellor serie en imaxe real (e mellor interpretación femenina) e “Ventura Time” de Burnin’ Percebes como mellor serie de animación. “Entre Pipas” levou o premio á mellor interpretación masculina e ao mellor guión, e en guión tamén houbo unha mención especial a “Lavida.es”. A moi punk “Poetaras” levou o premio á mellor webserie en lingua galega. Houbo premios en metálico e uns fantásticos trofeos deseñados polo artista gráfico David Méndez Alonso.

Este ano teremos máis e mellor. Nesta web irémosvolo contando.

Vémonos en Carballo!