Proxeccións, coloquios, masterclasses, presentacións… pouco a pouco imos desvelando os contidos do Carballo Interplay 2015 pero seguro que todos vos preguntades pola festa. Especialmente aqueles que viñestes o ano pasado e sabedes que a vida dun festival faise de día pero tamén de noite, que é onde a xente socializa e se crean grandes amizades. Ademais nós queremos sempre ofrecerlles aos nosos visitantes descubertas sorprendentes no escénico e no musical. E contamos coa inestimable colaboración da Sala Dublín, que é a sede nocturna desta parte máis lúdica do Carballo Interplay.

Enton haberá concertos?

Moito máis que concertos. Se os puideramos definir dalgún xeito, diriamos que estamos a falar de actuacións entre o performativo, o audiovisual, o humorístico e o musical. Aquí vos presentamos as tres propostas, imposibles de clasificar:

Venres: Sesión golfa con Poetarras

Os gañadores do premio á mellor webserie en lingua galega do primeiro Carballo Interplay ofrecerannos unha velada poético-arterrorista-musical na que recitarán, proxectarán e cantarán os seus hits máis coñecidos, dende “Lady Dy” ata o máis recente, “Lambeconas”.

Poetarras é un colectivo arterrorístico formado por Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde. Naceu en 2013 logo dunha noite de esmorga a base de licor café e Galicolas. Os 3 mozos decidiron facerlle a competencia a Resistencia Galega e converterse no referente da loita armada do pobo galego, aínda que tiveran que renunciar ao traballo e á parella que non tiñan. As súas armas serían sketches e cancións, humor e música, retranca e melodías, e para a súa misión contarían co apoio de arterroristas autónomos. O obxectivo? Ofender a alguén nalgún lugar por algún motivo… ou non.

 Sábado: Concerto de Igmig + República Disco Apocalipso DJs

igmig

Igmig é un trío musical vigués dificil de clasificar: grandes doses de postpunk, rock progresivo, electrónica… aínda que tamén introducen elementos da musica clásica do s. XX como o serialismo e a improvisación. As letras recordan o dadaísmo e utilizan a prosodia da voz como elemento compositivo. A posta en escena é tremendamente eufórica. Enormes doses de interacción co público e moito humor.

RDA

República Disco Apocalipso (RDA) é un proxecto que reúne son, baile, Historia, imaxe e sobre todo, actitude. Comeza a súa andaina o 14 de abril do 2011 concidindo co 70º aniversario da II República.  Dende entón son acollidos rapidamente por programadores e público. Isto sucede grazas á súa capacidade de transportarnos durante as súas sesións a lugares onde o tempo se transforma en baile, en memorabilia musical e en fogos de artificio sónicos.

Os responsables de tal dispendio escénico e festivo son a parella de DJs Sisco Larinho e Jas Processor. Os dous son recoñecidos profesionais no sector do son e da difusión e a ingestigación, tanto de estilos musicais de antes como dos máis actuais da escena musical galega. 

Precisades máis argumentos para ir reservando esa fin de semana en Carballo?  Pois seguiremos anunciando máis cousas, pero polo menos a festa, a sorpresa, o baile e o humor están asegurados.