certameagropecuario

Vivimos nun tempo no que existen moreas de imaxes. Audiovisuais. Agora xa non importa a súa produción senón onde atopalas. Hai imaxes que están dentro dun ámbito máis ben privado mais se se colocan en diálogo con outras semellantes poden multiplicar significados. Entre as distintas caras que posúen as imaxes audiovisuais está a de documento, a de dar testemuño da realidade próxima. A creación dun arquivo audiovisual local permite contrarrestar a fraxilidade da memoria colectiva. Unha maneira de pensar o pasado, facelo presente e redimensionalo para o futuro. Unha acción de arquivo aberta e participativa onde se procura a posta en valor dun material audiovisual desprazado que incrementa, de maneira definitiva, o sentimento de identidade e pertenza a unha comunidade.

Coa activación do Proxecto Neme nun obradoiro con rapazas e rapaces do IES Isidro Parga Pondal de Carballo, poremos os alicerces dun arquivo audiovisual para a comarca de Bergantiños tomando como exemplo o Proxecto Socheo da Guarda.

O obradoiro está impartido por Beli Martínez e nel participan 20 estudantes e 3 docentes do instituto. Desenvólvese todos os mércores do mes de marzo, con traballos de recollida, gravación e dixitalización de material audiovisual por parte dos participantes, ademais da súa publicación en plataformas como Youtube ou Blogger.  Os resultados deste obradoiro poderemos velos no II Carballo Interplay o vindeiro 18 de abril.

beli

 

 

 

 

 

 

Beli Martínez é produtora, profesora e investigadora. Licenciada en Comunicación Audiovisual e en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo ten traballado como produtora de diferentes longametraxes como “Arraianos” dirixida por Eloy Enciso ou “Vikingland” de Xurxo Chirro. Na actualidade, compaxina a produción audiovisual coa docencia na Universidade como profesora Asociada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra onde imparte as materias de Teoría e técnica do documental e Produción de ficción e onde desenvolve a súa tese en torno ao cinema de non ficción en Galicia.

Polo momento podemos seguir o Proxecto Neme no seu blog e mais no Twitter. Tamén no seu canal de Youtube, onde xa empezan a colgar vídeos coma este dun certame agropecuario en Carballo no ano 1984, tirado do NO-DO.