Como xa fixeramos o ano pasado, no Carballo Interplay queremos aproveitar que imos xuntar un bo feixe de xente interesada nas novas posibilidades do audiovisual en internet para traer profesionais avanzados que levan tempo rozando estes camiños e que nos axuden a aprender da súa experiencia.

Como xestionar de forma profesional unha canle de Youtube?  Como manter enganchada a audiencia da nosa webserie? Estas son as dúas principais cuestións que abordarán os noso convidados do venres 17 de abril pola mañá, e que ningunha persoa interesada nos contidos audiovisuais para a rede debería perder.

Primeiro teremos unha master-class con Belén Santa-Olalla, que nos falará de “Webseries e Conducttr – Claves e trucos para conectar coa audiencia”. Isto é, de como enganchar os espectadores/usuarios das nosas webseries creando universos e experiencias transmedia a través da plataforma Conducttr.

Belén Santa-Olalla

 

Belén é experta traballando con solucións de mobilidade, creatividade transmedia e desenvolvemento de experiencias interactivas e universos narrativos. Vive entre Málaga e Londres e está estes días presentando Conducttr no festival SXSW que se celebra en Austin (Texas, USA), en concreto “19 Reinos”, unha experiencia de transmedia stortytelling que fixeron para a serie “Game of Thrones” para Canal +.  E nun mes estará connosco en Carballo, grazas á colaboración do Máster de Produción e Xestión Audiovisual, que patrocina e presentará esta masterclass de luxo.

Despois contaremos con Joan Carles Martorell nunha charla que seguro espertará moita curiosidade e que titulou  “Youtubers, profesionalización e producción de contidos no tubo tolo”. As audiencias globais de YouTube, que xa cumpriu 10 anos de existencia, son xigantescas. Ten máis de mil millóns de usuarios cada mes e o español é o segundo idioma máis usado na plataforma. A televisión tradicional está perdendo o público por debaixo dos 25 anos e Youtube preséntase como un novo prime-time cun ecosistema de profesionalización completamente novo. Detallarase nesta charla como funcionan os seus modelos de negocio e comentaranse algúns dos debates e malos entendidos máis habituais sobre a plataforma.

Joan Carles Martorell

Joan Carles é mallorquín pero vive en Madrid, onde traballa como xefe de operacións de 2btube, unha ‘multichannel network’ iberoamericana que se dedica á xestión e produción de contidos para Youtube. O seu perfil é de ‘audiovisualeiro multimedia': ten realizado curtametraxes que se premiadon internacionalmente e producido proxectos web, ademais de ser colaborador docente en varios centros universitarios, e desde 2012 tamén traballa para Apple, así que poderanos dar unha visión moi rica destes dous mundos cada vez mais xuntos: audiovisual e internet.

Estade atentos á nosa web porque moi axiña desvelaremos os horarios e calendario completo de actividades do Carballo Interplay. Pero tanto se sodes profesionais do audiovisual ou de internet como se estades aínda estudando e queredes orientear o voso futuro cada este eido, se foramos vós estariamos xa reservando a mañá do venres 17 para estar en Carballo.