Venres 17/04/26
12:30
Mercado de Carballo

Novas voces: isto xa non vai só de contar cousas

Con Trescentostrece, Salseología, Literal247 e Woke up!

Os novos medios teñen un reto claro: facerse un oco nun panorama cada vez mais amplo, loitando contra algoritmos que non sempre poñen as cousas fáciles.

CIP26PanelSignadoZona PRO

Como dende o Carballo Interplay queremos defender ás novas voces, darémoslle o altofalante a catro proxectos, tanto galegos como estatais, que buscan incorporar novas voces, historias e formatos, ao mundo da actualidade. Os medios cos que contaremos son: Trescentostrece, Salseología, Literal247 e Woke up!

Participan

TRESCENTOSTRECE

Trescentostrece é un proxecto de divulgación e de proximidade, que nace do obxectivo de percorrer os 313 concellos de Galicia para dar a coñecer as súas historias, curiosidades e realidades a través das redes sociais. Isto levarase a cabo a través de formatos dixitais específicos para as redes, en concreto, TikTok e Instagram.

Instagram: @trescentos.trece
Tiktok: @trescentos.trece

SALSEOLOGÍA

Salseología é un proxecto dixital centrado en contidos de salseo e actualidade, cun ton informal, irónico e moi recoñecible. Publica información, comentarios e pezas breves sobre temas de cultura pop, redes sociais e actualidade, combinando texto e formatos visuais propios das plataformas dixitais. Ademais dos seus perfís abertos, conta con espazos de acceso pechado onde comparte contido adicional e mantén unha relación máis directa coa súa audiencia, incorporando tamén interacción e participación das persoas usuarias.

Instagram: @salseologia
Tiktok: @salseologia

LITERAL247

Noticias que non son noticias pero que che interesan máis que as noticias. O seu obxectivo é que nunca quedes sen conversa para o café. O que comezou como unha newsletter sobre a actualidade dixital dunha axencia audiovisual acabou converténdose nunha conta de Instagram dedicada por completo ao microuniverso da Charca. Non están aquí para facer que perdas o tempo: todas as noticias, mastigadas e clasificadas para localizar ao instante o que che interesa.

Instagram: @literal247
Tiktok: @literal247

WOKE UP!

Woke Up! é un proxecto mediático do que forman parte activistas de diversas procedencias e que militan en diferentes ámbitos do progresismo: feministas, animalistas, activistas polo clima ou polo dereito á vivenda… Recentemente, Woke Up! constituíuse como asociación co obxectivo de medrar e expandir os seus vínculos. O seu obxectivo é dar voz a creadoras de contido de todo o Estado español e tecer alianzas con entidades que defendan os seus mesmos valores.

Instagram: @wokeup.news
Tiktok: @wokeup.news