Sábado 11 de setembro / 10h00 / Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo

O Carballo Interplay quere poñer o foco nesta ocasión sobre contidos sociais e políticos, sobre o cuestionamento propio, sobre a utilidade de internet como ferramenta para a reivindicación e como arma para axudar a mellorar o mundo (algo no que aínda confiamos). Por isto dedicaremos a mañá do sábado a escoitar a persoas que cremos utilizan as posibilidades do online para amosar outras realidades ou facer da rede un lugar mellor ben sexa dende a exposición e desglose de información, contido político ou editorial, a creación de redes de sororidade, a ilustración ou o humor.



Panel 1 | Activismo na rede: Proyecto UNA, Laura Tabarés e Cuellilargo

Internet, onde calquera pode participar, é tamén un lugar para os comportamentos tóxicos, que sempre existiron pero que agora contan con algoritmos que multiplican o seu alcance entre unha sociedade debilitada e fácil de alporizar. A rede hai tempo que deixou de ser un espazo de utopías para albergar algunhas distopías con graves consecuencias no ‘mundo real’. Nun espazo gobernado polos clics, os likes e a sobreexposición continua, hai espazo para os discursos disidentes? Como se combaten os discursos de odio? Cales son as claves para xerar espazos de seguridade?



Cuellilargo: Pol Andiñach

Cuellilargo defínese como “un colectivo de xornalistas que intenta explicar o mundo de forma clara, crítica e rigorosa, sempre en oposición aos medios do poder. Non nos financia ningún gran banco ou empresa, polo que podemos ser plenamente independentes nas informacións que damos, nos nosos enfoques e opinións”. Acompáñanos Pol Andiñach, coordinador de Cuellilargo e escritor do libro “Todo el mundo puede ser antifa. Manual práctico para destruir el fascismo” (2021).

Laura Tabarés

Ontologías Feministas é un colectivo de produción cultural especializado en virtualidade e programas educativos con perspectiva feminista. Está formado por Blanca Martínez, Elena Castro Córdoba e Laura Tabarés, tamén administradora de @lapicarajustina. Laura, que será quen nos acompañe no Carballo Interplay, atravesa a súa práctica falando de violencias, humor, afectos e esgotamentos.

Proyecto Una

Proyecto UNA é unha colectividade millennial que ten como cometido desenmascarar as novas formas de fascismo que se ocultan baixo simboloxía aparentemente inofensiva, así como recoñecer e dar valor ás alianzas feministas forxadas á calor dos píxeles. Dende o popular e o comunitario, investigan sobre as guerras culturais de poder nos medios, Internet e a realidade analóxica. Están dispostas a rir a gargalladas dende a barricada, porque lles vai a vida niso.



Panel 2 | Humor, precariedade xeracional e ilustración: Monstruo Espagueti, La Prados e Roberta Vázquez

Mentres o mundo trata de superar unha pandemia global e as súas consecuencias, a esfera dixital medrou tanto que ocupa o centro de boa parte da nosa vida, dende as relacións sociais ata a cultura ou o entretemento: un 360º. Na rede, unha xeración maioritariamente feminina inunda os nosos dispositivos coas súas ilustracións poñendo o foco sobre a precariedade xeracional ou as condicións laborais e retratando o noso mundo con perspectiva de clase e de xénero, Son sarcásticas, divertidas e co seu humor fan que todas levemos mellor “lo que se viene”. Porque tamén se reivindica dende a comedia. 

De que se conversará neste encontro? Dos traballos por encargo, da loita por defender os ideais propios, de conciencia social, da precariedade (ou non) dos traballos creativos, de haters, señoros e de humor… e só para comezar!



Monstruo Espagueti

Anastasia Bengoechea aka @monstruoespagueti é viñetista, cómica e creativa. O seu terceiro libro viu a luz neste 2021. Traballa habitualmente en medios como Vogue ou El Pais e con marcas como Bombay, Nike, Oatly, etc. É cómica en Carne Cruda e ten un podcast semanal @gente2020_.

La Prados

La Prados, menos coñecida como Violeta Navas Ortega (1994). Ilustradora, humorista e saxitario o resto do día. Define o que fai como “humor cutre para xente intelixente”. Un trazo irregular e unha mensaxe clara que aborda desde os temas máis banais, como o último sinxelo de C Tangana, ata os máis sociais e de actualidade, sempre desde a ironía e o humor. No escenario convida a rir dun mesmo a través das anécdotas máis surrealistas da súa vida coas que espera (ou oxalá, polo seu ben, que non) que o público se identifique.

Roberta Vázquez

Roberta Vázquez estudou Belas Artes en Pontevedra e vive e traballa como freelance en Barcelona publicando os seus cómics en Revista Cactus e Cáñamo. Colaborou con medios como Glamour, Vice, El País, El Jueves, Marie Claire, ou Revista Líbero. No 2019 publicou o seu primeiro libro “¡Socorro!” coa editorial Apa Apa e, na actualidade, está traballando no seu primeiro cómic infantil para a editorial Blackie Books.