Xoves 9 / 19:00h / Pazo da Cultura

Os finalistas deste premio a proxectos de webserie en galego que convoca o Concello de Carballo terán que defender as súas propostas diante do xurado composto por Xose Regueira (Concelleiro de Turismo e Promoción Económica de Carballo), Lucía Estévez (directora), Javi Camino (director) e Andrea Villa (Directora de actividades do Carballo Interplay). Teñen 10 minutos para facelo e agárdaos un premio de 3000€ para a produción da súa webserie.


NON SON A TÚA AVOA

Unha historia de desencanto, roubos e desaparacións creada por Pedro Souto. 

Dolores, unha viúva octoxenaria, quere finxir a súa desaparición. A través dunha cadea de enganos e malas decisións utilizará a quen ten ao seu carón para conseguir o seu obxectivo nunha carreira cara o abismo.

PRINGADAS

Un drama come of age de Belén Puime Bao.

Hai moitas situacións na vida que fannos suspirar e dicir “Lol vai pringada”, e Xoana, Catu e Antía, non son diferentes en iso. En cada episodio, estas tres compañeiras de piso, abren o seu diario persoal que conta situacións que lles fixeron sentir así. A ruptura co primeiro amor, o sentimento de non pertencer a nada e o diagnóstico dunha ETS son os momentos clave nos que cada personaxe convértese en protagonista e conta de forma sincera e desenfadada ao espectador. 

PULP AIR

Un proxecto de Henfunk Studio (Anita Pico e Rocío López).

Estamos en 2021. Imaxina a aeroliña con máis personalidade do globo, fogar dun grupo de personaxes pintorescos e fascinantes encargados do tramo máis fashion de todo o firmamento : O voo Carballo, Galicia – Heathrow, Reino Unido. Así nace Pulp Air, unha comedia de gran altura en galego. 

TRELA, CLÍNICA DE SUICIDIOS

Unha comedia dramática de Gemma Do Carmo e Margot Alvarado. Dirixida por Cris Andina.

A Coruña. Ano 2040. A era post Covid-19 deixou a poboación sumida na frialdade e no individualismo . Despois da aprobación da eutanasia e ante a crecente demanda da cidadanía, motivada pola situación de ausencia de emocións, o goberno vén de legalizar as clínicas de suicidios, que cada vez soportan listas de espera máis grandes. Esta é a historia dunha desas mulleres con emocións anuladas que decide acabar coa súa vida.