Con: Nerea Pérez de las Heras, Eugenia Tenenbaum e Ana Polo.

SÁBADO 9 DE ABRIL / 11.30

PAZO DA CULTURA

No Carballo Interplay queremos poñer o foco no traballo de persoas que utilizan as posibilidades da rede para amosar outras realidades ou facer do mundo online un lugar máis habitable dende o humor, a divulgación, a arte… e todo o que se lles poña polo camiño. Non perdades esta conversa cun auténtico dream team: a xornalista Nerea Pérez de las Heras, a historiadora Eugenia Tenenbaum e cómica Ana Polo.

Como divulgar dende a rede? É internet agora o xeito de chegar a grandes públicos? Como xestionar as críticas? Hai espazo para os discursos que se saen da norma? Como lidiar co pinkwashing e as trampas do capitalismo? Agárdannos moitas preguntas e, sobre todo, moito palique.

NEREA PÉREZ DE LAS HERAS

É coñecida polo seu traballo como xornalista e dramaturga. Leva anos facendo humor político en público a través do show Feminismo para torpes que se converteu nun libro (Planeta) e unha serie de vídeos para o diario El País, o podcast Saldremos mejores xunto a Inés Hernand e a obra de teatro Como hemos llegado hasta aquí xunto a Olga Iglesias. Ao longo da súa traxectoria profesional escribiu en medios como El País, SModa, Mujer hoy, Vogue, Esquire, Marie Claire e Glamour e colaborou en diversos programas de radio e televisión como “A vivir” na Cadena Ser e “Las que faltaban” en Movistar.

EUGENIA TENENBAUM

Eugenia Tenenbaum estudou Historia da arte e a súa especialización son os estudos de xénero. Actualmente traballa como divulgadora cultural creando contido en redes sociais no que combina arte, perspectiva de xénero, feminismo e crítica social.

ANA POLO

Xornalista e humorista. Traballou en varios programas de RTVE,  Rac1 e Catalunya Ràdio. Tamén foi colaboradora e guionista do late show “No te metas en política”. Actualmente podédela atopar no podcast OYE POLO de Radio Primavera  Sound, xunto con Maria Rovira/Oye Sherman; e en “Feministic”, programa divulgativo sobre feminismo en clave de humor de Fibracat TV. Tamén nos monólogos cos que percorre a xeografía catalá.

ASAARI BIBANG

Asaari é unha actriz e cómica de Guinea Ecuatorial afincada en España. Cando tiña tres anos desapareceu nun pequeno poboado onde se facían misas tradicionais e, coa súa nai xa desesperada por buscala, apareceu horas despois cantando e bailando co coro da igrexa. A ninguén lle sorprendeu cando dez anos despois dixo “mamá, quiero ser artista”. Participou na Riot Comedy, o proxecto feminista da cómica Penny Jay, no festival de humor feminista Coñumor e en programas como La Resistencia, Las que faltaban o Comedy Central.​ En 2021 presentou o seu espectáculo afrofeminista Humor Negra.​ Ademais, colabora para Pikara Magazine e El País.