Con Adrián Lede, Nicolás Carreira e Carme D. Prol.

XOVES 7 DE ABRIL / 12:00

PAZO DA CULTURA

Café Derby 21 é un podcast que nace das conversas de cociña dun piso de estudantes. Adrián Lede, Nicolás Carreira e Carme D. Prol xúntanse cada semana cun convidado/a relacionado coa cultura galega para facer unha tertulia aberta sobre a carreira do convidado/a, actualidade e o que xurda. Esta vez ábrennos as portas da súa saliña de estar para verse as caras con algúns dos creadores e creadoras do momento nas novas narrativas dixitais do país.

Acompañaranos nesta cita a divulgadora científica Tamara Pazos (@putamen_t); a youtuber e tiktoker Prado Rúa; a xornalista Esther Estévez, cara visible do “Dígocho eu!”; o creador de contido Olaxonmario e o músico Berto.

Adrián Lede. Son como Ume Matsuzaka: teño máis idade da que me gustaría e nunca impresionei a ninguén. Á parte diso son xornalista, creei o Café Derby 21 e escribo no Quincemil.

Nico Carreira. Xornalista por obra e gracia dun título e agora estrella de micronicho en Internet, o que vén sendo pouca cousa pero enche oco na biografía de Tinder. Afeccionado ao dolce far niente. Pasei por El Progreso e escribo para Táboa Redonda, entre outros minijobs.

Carme D. Prol. Algo así como xornalista e a voz de pitiño do Café Derby 21. Escribo, en Twitter e onde podo, sobre cultura e queixas varias.

Tamara Pazos. Son bióloga cun máster en Neurociencia pola USC. Traballo por conta propia como divulgadora científica en redes sociais con proxectos como @putamen_t, @escueladepedantes, @neurociénciate e o meu podcast na plataforma Podimo: “Un humano por persona.”

María Rúa. Nacín en Ourense e non me apelido Prado. No confinamento decidín abrir unha canle de YouTube (non por aburrimiento) e agora fago trends de TikTok. Aos 20 anos xa dixen que a partir dese momento, todo era costa abaixo, pero nacín con alma e ditos de vella. A conciencia crítica desenvolvina cedo, polo que a veces podo ser un pouco repunante.

Esther Estévez. Son de Verín e teño 24 anos. Estudei xornalismo en Santiago de Compostela. Traballo nas redes sociais da TVG intentando que todos aprendamos algo novo sobre o galego cada día da forma máis divertida posible co #DigochoEu.

Olaxonmario. Son olaxonmario, son de Boiro e gosto de falar del gaiego, das problemáticas das culturas minorizadas, de cousas da lusofonía, de remar e de porquinhos. Bom, realmente só de porquinhos, o resto é todo performance.

Berto. Son un músico e produtor Pontevedrés de 24 anos creador de proxectos coma Verto, reinventando a forma de facer música en Galiza co noso pop electrónico. Comecei en decembro co meu proxecto Berto, cunha perspectiva máis persoal e intransferible e actualmente traballo para cinco grupos coma produtor musical.