Os finalistas deste premio a proxectos de webserie en galego que convoca o Concello de Carballo terán que defender as súas propostas diante dun xurado composto por Xose Regueira (Concelleiro de Turismo e Promoción económica do Concello de Carballo), Nati Juncal Portas (Produtora), María Yáñez (xornalista e activista cultural), e Xulio Abonjo (actor).
Os proxectos finalistas terán 10 minutos para defender o seu proxecto e agárdaos un premio de 3000€ para a produción da súa webserie.
Estes son os catro proxectos finalistas.
NÓMADES
De Noelia González e Sara Ferro
Martina sempre soubo o que quería facer coa súa vida, polo menos ata agora. Sofía nunca soubo o que quería facer coa súa vida, polo menos ata agora.
Ao longo dunha escapada de fin de semana, estas dúas amigas sacarán á luz as súas dife- renzas ata comprender o valor da súa amizade e, se cadra, atopar o seu lugar dentro dun futuro cada vez máis incerto.
PESADELOS
De Paula Pereira.
Autopsia dun cerebro cando dorme. Abrimos o órgano máis importante do ser humano, e atopámo- nos con diversas historias. Falamos de Manu, un mozo que soña con fundirse co mar. Falamos de Tania, unha nena con medo á escuridade. Falamos de Antón, un señor con frecuentes parálises do soño e fala- mos de Lucía, unha moza con ansiedade social. Un coral visto desde os ollos dela.
DRA PACIENTE
De Lizartonne
Baseado no web comic homónimo, trátase dunha serie de pequenas historias que lle acontecen a unha médica na súa consulta día a día. Algunhas destas hilarantes anécdotas inspíranse na realidade, outras son inventadas, algunhas teñen algo de crítica social e todas elas teñen un compoñente humorístico que convirten o proxecto nun divertimento para todos os públicos.
MENTRES NON CHOVA
De Carla Álvarez, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova.
Nunha pequena vila do interior de Galicia, cuxa principal fonte de ingresos é o turismo, o cacique local Antonio do Pazo, planea construír unha cúpula que cubra Galicia, para aumentar o atractivo turístico da zona. Este proxecto, aínda en desenvolvemento, está sendo revisado polo comité de asesores de Antonio do Pazo cando Manuel, un mozo en prácticas na empresa, decátase do plan e decide dar un chivatazo a Ceive, un colectivo lucense que lle pasa a información a Xuventude e Rebeldía, un grupo de mozos galegos que levan á cabo accións de protestas contra o cambio climático e contra as desigualdades sociais.