XOVES 7 DE ABRIL

10:30

PAZO DA CULTURA

Desde o festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay convocamos o “Certame Dinosaurio Escolas” que ten como obxectivo a incentivación e o fomento da creación de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega para a súa difusión por internet mediante a creación de capítulos da serie DINOSAURIO.

O certame estará dirixido aos niveis educativos de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional de Grao Medio e poderá participar calquera alumno/a ou grupo de alumnos/as do ámbito escolar público, concertado ou privado.

Entre todos os traballos recibidos seleccionaranse 10 capítulos finalistas que se proxectarán na 10ª edición do festival. Entres os finalistas un xurado profesional concederá tres premios: Mellor Dinosaurio, Dinosaurio Técnico e Dinosaurio Guión.

Nesta xornada contarémosvos máis detalles sobre o certame e as súas bases.

Proxección da serie Cacola, con David Fidalgo

Serie gañadora do premio a mellor proxecto de serie web na 7ª edición do Carballo Interplay.

”CACOLA preséntanos as aventuras e desventuras dun personaxe que todo animal ou persoa leva no seu interior, unha caca.”

Cacola é un proxecto de webserie de animación 2D dixital de David Fidalgo, director, guionista, animador, director de arte e montador de varias curtas e videoclips de animación. No ano 2020 foi finalista nos Premios Goya cunha desas curtas, Homomaquia. Cunha estética cartoon con cores planas e animacións irreais, os capítulos de Cacola presentan historias autoconclusivas duns 30 segundos cun ton  de comedia absurda na que todo pode pasar.