Pazo da Cultura de Carballo. Salón de actos.


Solicita a túa acreditación gratuita antes do 28 de marzo.





9h30-10h00 Recollida de acreditacións



10h00 “A profesionalización do podcast“. Con Jesús Blanquiño (Podium Podcast), Marta Salicrú (Radio Primavera Sound) e Tania Lombao (Radio Galega Podcast).


O consumo do podcast creceu exponencialmente en España nos últimos tempos, conveténdonos nunha das referencias a nivel mundial na escoita de contidos, atrapando a un de cada tres españoles. Este feito é algo que dende o Carballo Interplay non podemos pasar por alto e por iso reuniremos a algunhas das principais plataformas que alugan este tipo de contido no Estado. Que ten que ter un producto para mercalo? Como se sabe se algo vai funcionar ou non? Cales son as claves á hora de conectar coa audiencia?


Jesús Blanquiño (xefe de proxectos de Podium Podcast)

Podium Podcast é unha plataforma de creativos do podcasting en español. En xuño de 2016, PRISA Radio lanzou a plataforma de podcast Podium Podcast; nestes 5 anos converteuse nunha rede de podcasting nativo con contidos orixinais de ficción, entretemento, divulgación e branded podcast en España, Colombia, México, Arxentina e Chile. No seu catálogo atópanse podcasts de éxito como Estirando el chicle, Premio Ondas 2021; ficcións como Guerra 3 e La Esfera; divulgativos como Canónicas, Solaris, Gabinete de curiosidades e podcasts de longa traxectoria como La Escóbula de la Brújula ou Aquí hay dragones.

Marta Salicrú (directora de Radio Primavera Sound)

Radio Primavera Sound é a radio en liña de Primavera Sound e recolle todas as sensibilidades musicais que caben no festival. Pero tamén é moito máis ca iso. Emitindo audio e vídeo desde 2019, RPS é unha produtora de podcasts de música, cultura, humor e xornalismo, co acento posto nos contidos feministas e LGTBIQ+, que busca abrir os seus micrófonos a novas voces informadas, e a contidos diversos e disidentes, con rigor e sentido do humor.

Tania Lombao (xefa del Servizo de Xestión Operativa de Programas da Radio Galega)

Con RadioGalegaPodcast.gal, a radio pública de Galicia busca adaptarse aos novos modelos de consumo da audiencia, ofrecendo así audios específicos a calquera hora e ferramentas sociais para que os usuarios e usuarias poidan compartilos e valoralos desde os seus diferentes perfís. Os seus contidos principais categorízanse baixo os epígrafes de Música, Sociedade, Saúde, Historia e Cultura e Igualdade.  A plataforma acolle tamén numerosos programas nativos dixitais, á marxe dos patróns horarios propios da radio e coa vontade de alcanzar públicos nicho con diferentes gustos.



11h00 Panel. ‘’Novas formas de contar. Dende a ficción sonora á divulgación’’. Con Ana Garriga e Carmen Urbita (Las hijas de Felipe), Manuel Bartual (Biotopía), Carmen Pacheco (Santuario).


O podcast abriu novos horizontes dentro da comunicación online, é un ecosistema en ebullición cargado de liberdade creativa e un novo xeito de contar historias que está arrasando. O auxe do podcast é imparable dende inicios desta década e parece que este é só o comezo dun novo xeito de narrar. Visitarán o Carballo Interplay varios profesionais da creación sonora para contarnos a súa experiencia.


Ana Garriga e Carmen Urbita (Las hijas de Felipe)

Ana Garriga e Carmen Urbita coñecéronse en Providence ( Rhode Island) en 2016 cando empezaron un doutoramento na Universidade de Brown. Xuntas son Las hijas de Felipe, nome co que en 2020 empezaron a gravar un podcast sobre recunchos esquecidos do barroco, sempre guiadas pola premisa de que “todo o que che estea pasando a ti agora, xa lle pasou a alguén nos séculos XVI e XVII”.

Manuel Bartual (Biotopía)
Dirixiu unha ducia de curtametraxes e unha película (Todos tus secretos, Premio CANAL+ a Mellor Película no Festival de Cine de Málaga), debuxou cómics (O Xoves), escribiu en El País e en Twitter. Unha das historias que publicou nesta plataforma converteuse en tema de tendencia mundial, chegando a ser lida por centos de miles de persoas. Tamén escribiu a novela El otro Manuel (Planeta, 2018), creou e dirixiu xunto a Modesto García o reality # ElGranSecuestro (RTVE, 2019) e as series de ficción sonora Biotopía (Podium Podcast, 2020) e Santuario (Audible, 2021), creada e escrita xunto a Carmen Pacheco.

Carmen Pacheco (Santuario)
Traballa como redactora e consultora creativa para marcas e é autora de cómic e novela. Publicou catro títulos de literatura infantil e Todo lo posible (Planeta, 2016) para o público adulto. Xunto á súa irmá, Laura Pacheco, é autora de tres obras de cómic publicadas polo selo ¡Caramba! da editorial Astiberri. Como articulista mantivo seccións fixas en la revista Redes para la ciencia, S Moda e Verne de El País, Vogue e Vanity Fair. Actualmente escribe pezas de opinión en Flecha, unha newsletter persoal con máis de oito mil subscritores. É creadora e guionista xunto a Manuel Bartual da serie de ficción sonora Santuario ( Audible, 2021).



12h00 Festivais adicados á cultura popular, dixital e series. Con: Memefest (Filles d’Iternet), Tracking Bilbao (Borja Crespo), Serializados (Betu Martínez e Víctor Sala). En colaboración con Proxecta.


Nos días que vivimos a esfera dixital ocupa boa parte da nosa vida e nela volcamos gran parte das nosas opinións, paixóns, inquedanzas ou buscamos entretemento e descubrir novas tendencias. No Carballo Interplay propiciaremos un encontro entre membros de festivais estatais que xiran arredor destes e máis eixos vertebradores nas súas programacións.


Memefest
Organizado polo colectivo Filles d’Internet (Edgar Riu, Maria Farràs, Clara Duch e Lucia Calvo), o Memefest (CCCB) é, unha cita cultural desenfadada e catártica para pensar e rir ao redor da creación humorística nas redes. Na súa última edición fixeron catarse colectiva de memes pandémicos, falaron de relacións tóxicas na internet, entrevistaron a unha gran folclórica dixital e acabaron bailando como boas tiktokers.

Tracking Bilbao
Consiste en diversas actividades (mesas redondas, proxeccións, charlas, clases maxistrais, presentacións, accións, escenificacións, concertos…) con profesionais especializados, exemplos afianzados e novos talentos, teóricos e creadores, que representan as múltiples posibilidades do cruzamento de medios e a utilización da rede como fonte de inspiración e axente de distribución.

Serielizados
O Serielizados Fest – Festival Internacional de Series de Barcelona é un evento anual organizado pola revista SERIELIZADOS. Na actualidade xa se consolidou no panorama cultural catalán e español ao cumprir co seu obxectivo fundacional: achegar aos mellores showrunners do mundo ao público de Barcelona para que nos expliquen de primeira man a súa visión do mundo e da ficción.



13h00 CREA feat Podgalego

A presenza das narracións sonoras tanto no eido do documental como no da ficción son unha realidade cada vez maior. CREA e Podgalego xúntanse este ano na nosa Zona Pro para falar sobre a importancia do traballo sonoro nas artes. Buscan reflexionar sobre a importancia do son fronte á imaxe nunha charla con diferentes profesionais da palabra e da música.

Contaremos con Lucía Estévez, como representante de CREA; e Isaac González, como representante de Podgalego. Acompáñanos:

XOSÉ BARATO

Actor formado no histórico grupo coruñés Sardiña e na escola Espazo Aberto de Compostela. Fundador das compañías Inlata Teatro e Teatro Baratto. Ten traballado en numerosas series de ficción para a televisión (“Cuarto sen ascensor”, “El secreto de Puente Viejo”, “Operación Marea Negra”…), cine (“18 comidas”, “Mar Libre”…), teatro (“Cineclú”, “O segredo dos Hoffmann”, “O conto de inverno”…), curtametraxes (“Buenos días”, “A liña política”, “Eco”…)  e series documentais, polas que recibiu o Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao mellor comunicador nos anos 2007 (“Historias de Galicia”) e 2009 (“A miña famosa familia”). Como actor de voz ten realizado traballos de dobraxe e locución para cinema, audiolibros, audioguías e ficcións sonoras.

MALVA

25 anos. Entusiasta da cultura pop, Taylor Swift e misterios sen resolver, dos que fala en Luzes e nas súas redes sociais. 

UXÍO BROULLÓN

Deseñador gráfico e ilustrador, despois do seu paso por Acordar-Vieiros, traballa como freelance desde 2012. É un dos fundadores e impulsores de Podgalego. En 2004, produce o programa en streaming, Fabuloseando!!, para a radio libre en liña xEGO99 (México); en 2006 o programa muda en podcast (PodFabs!), e produce, tamén, areias sonoras, un dos primeiros podcasts en lingua galega. Entre 2007 e 2015 produce C’mmons baby!, un podcast sobre músicas libres e licenzas CC que o leva a ser colaborador en Radioceánica (Radio Galega Música). En 2020 retoma as areias sonoras e desde 2021 produce Oíches?, o podcast oficial de Podgalego.

GHANITO

Licenciado en Dereito. Membro da comunidade de blogues en galego na década dos dous mil, fundador da Revista Luzes e membro do seu consello de redacción, forma parte tamén do padroado da Fundación Luzes. Gravou o seu primeiro podcast en 2008 e desde entón participou en varios proxectos dentro do Podgalego. Actualmente é membro do equipo de AsWomansplainers, A actualidade está sobrevalorada e Malva e Duarte falan de misterios.



17h00 Encontro Pro

Prazo de inscrición gratuíta aberto até o 28 de marzo. Se tes un proxecto e queres inscribirte no “Encontro Pro” para ter unha reunión coas profesionais convidadas só tes que cubrir este formulario antes do 28 de marzo.

Dende o Interplay queremos fomentar a conexión entre creadores e creadoras e profesionais do podcast abrindo espazos de diálogo onde poder coñecernos de maneira distendida e construír futuras alianzas ou ver nacer novos proxectos. Neste encontro participarán os convidados e convidadas do festival e tamén creadores e creadoras que teñan algún proxecto e estean na procura de feedback ou de produción.