Café Derby 21 é un podcast que nace das conversas de cociña dun piso de estudantes. Adrián Lede, Nicolás Carreira e Carme D. Prol xúntanse cada semana cun convidado/a relacionado coa cultura galega para facer unha tertulia aberta sobre a carreira do convidado/a, actualidade e o que xurda. Esta vez ábrennos as portas da súa saliña de estar para verse as caras con algúns dos creadores e creadoras do momento nas novas narrativas dixitais do país.
Acompañaranos nesta cita Sara Seco, Carla e Marcos de Todo Mal, Meryfos, Totakeki.
PRESENTADO POR
Carme D. Prol. Algo así como xornalista e a voz de pitiño do Café Derby 21. Escribo, en Twitter e onde podo, sobre cultura e queixas varias.
Adrián Lede. Son como Ume Matsuzaka: teño máis idade da que me gustaría e nunca impresionei a ninguén. Á parte diso son xornalista, creei o Café Derby 21 e escribo no Quincemil.
Nico Carreira. Xornalista por obra e gracia dun título e agora estrella de micronicho en Internet, o que vén sendo pouca cousa pero enche oco na biografía de Tinder. Afeccionado ao dolce far niente. Pasei por El Progreso e escribo para Táboa Redonda, entre outros minijobs.
CONVIDADES
MARÍA FOSCALDO
Son licenciada en Xornalismo pola USC cun mestrado en Profesorado pola UVigo
Fixen as prácticas en informativos da TVG e traballei en Diario de Arousa, Faro de Vigo e Diario de Pontevedra. Agora traballo como freelance, compaxinando coa creación de contidos para a miña conta @meryfos, @virtudestvg e tamén publis. Tamén traballei como limpadora e axudante de pastelería.
SARA SECO
Son Sara Seco, nacín en Valga e vivo en Santiago. Aínda que estudei Ciencia Política e traballo na Mesa pola Normalización Lingüística, seguramente me coñezas como a dos vlogs no TikTok.
TODO MAL
Todo Mal é un programa de humor e actualidade en galego feito por Marcos López e Carla Núñez que podes ver nas túas redes sociais favoritas. O programa completo emítese semanalmente en Youtube, Ivoox e Spotify. Tamén podes ver pezas máis pequenas en Instagram ou Tik Tok. O programa trata dende temas e noticias de actualidade ata os temas máis universais ou persoais, dando un punto de vista diferente e sempre traéndoos a Galicia.
TOTAKEKI
Chámome Mercedes Silva e teño 22 anos. Son de Noia, un pobo coruñés. Levo creando contido menos dun ano onde explico desde tradicións galegas ata como é un día comigo traballando no mar.