O festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay convoca o “Certame Dinosaurio Escolas” que ten como obxectivo a incentivación e o fomento da creación de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega para a súa difusión por internet mediante a creación de capítulos da serie DINOSAURIO.
QUEN PODE PRESENTARSE?
Poderá participar calquera alumno/a ou grupo de alumnos/as do ámbito escolar público, concertado ou privado.
O certame está dirixido aos niveis educativos de Secundaria, Bacharelato, Formación profesional de grao Medio ou Superior e Estudos Universitarios.
As persoas menores de 18 anos farano baixo a responsabilidade de seu titor/a legal.
ATA CANDO PODES PRESENTAR CAPÍTULOS?
Poderán presentarse capítulos dende a publicación das bases ata o 27 de febreiro do 2023.
QUE HAI QUE FACER?
Os/as participantes enfrontaranse ao reto de idear, gravar e postproducir un capítulo da serie Dinosaurio.
A premisa temática para crear un dinosaurio é “Que pasaría se internet deixara de funcionar… para sempre?”. A partir desa premisa podes crear a historia que queiras. Calquera xénero é válido, pode ser ficción, documental, drama, comedia, terror…
A lingua dos traballos debe ser a lingua galega e a duración máxima de cada capítulo non pode sobre pasar os 5 minutos.
Nos créditos finais do capítulo debe aparecer o LOGO DO FESTIVAL CARBALLO INTERPLAY e o LOGO DO CONCELLO DE CARBALLO baixo o seguinte lema: “CERTAME DINOSAURIO ESCOLAS”.
FINALISTAS E PREMIOS
Entre todos os traballos recibidos seleccionaranse 10 capítulos finalistas. O xurado outorgará TRES PREMIOS:
MELLOR DIPLODOCUS Para grao superior e Universitario
MELLOR VELOCIRAPTOR Para Bacharelato e Grao Medio
MELLOR TRICERATOPS Para Secundaria
Os capítulos finalistas proxectaranse na 10ª edición do festival Carballo Interplay onde tamén se dará a coñecer os capítulos gañadores.