Andrea Villa

Andrea Villa (Ourense, 1990). A súa carreira profesional transita entre a cultura, os festivais e a internet. Traballa no Carballo Interplay dende o 2019 e na actualidade engárgase da programación das actividades e codirixe o evento xunto a Sonia Méndez.

Ten desenvolvido gran parte da súa actividade profesional dende os equipos de comunicación de eventos e proxectos de diversa índole como a Academia Galega do Audiovisual, os Premios Mestre Mateo, a produtora Portocabo, o Festival de Cans, Novos Cinemas, (S8) Mostra de Cinema Periférico, Curtocircuíto, Festival de Cine Internacional de Ourense, IN THE PALACE International Short Film Festival (Bulgaria), Revenidas, Vive Nigrán, Noites do Porto, Sinsal Museo do Mar, SonRías Baixas, Conecta Fiction, Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra ou ICC Week. Ademais de participar na estratexia dixital de gran parte dos anteriormente citados, tamén traballou na presenza online ou en medios de obras audiovisuais como “Antes de perder”, “Nación”, “Ons”, “Eroski Paraíso”, “Rapa”, “Hierro”, “Cuñados” ou “Auga Seca”.

Cibrán Tenreiro

Cibrán Tenreiro é profesor de Comunicación Audiovisual na USC, onde ten investigado arredor do audiovisual galego, as relacións entre cinema e música pop ou a creatividade das escenas musicais e comunidades de fans. Fóra do académico, realizou o podcast FAN FAN na revista Vinte e colaborou en espazos como os programas Diario Cultural Zeta e Onda Vital (Radio Galega) ou a revista cinematográfica A Cuarta Parede. Ademais, é membro do Cineclube de Compostela, mantén o blog Bolsa de Patacas e fai música: antes tocou a batería e/ou cantou en grupos como Esposa ou Monstruo, e agora faino en Ataque Escampe e tamén baixo o seu nome, co que este 2024 publica o disco “Saudade sempre”.

Gabri Fuentes

Estudou Xornalismo e comezou a súa carreira profesional no departamento de Contidos Web da TVG facendo infografías, xestionando redes e dando vida ao formato nativo de redes #MenosDunMinuto, no que se explicaba un tema de actualidade de xeito breve, fácil e dinámico. Actualmente é guionista e editor no #DígochoEu, colaborador no programa ‘Xuntos en Directo’ e crea contido en Instagram en TikTok cando se lembra. Tamén berra moito en Acouga, o seu grupo.

Marta Salicrú

Desde 2019, Marta Salicrú é a directora de Radio Primavera Sound, Premio Ondas 2021 e Ondas Globales del Podcast 2022 ao mellor podcast. Xornalista cultural de Barcelona, ​​​​como docente está especializada en podcasting e cultura pop (ESCAC, Elisava). Participou como relatora en Eurosonic Noorderslag (ESNS), Primavera Pro, Montreal M, MIL (Lisbon International Music Network), BIME Pro, Club de Creativos, Carballo Interplay e Sitges Film Festival. Apareceu na lista dos 50 mellores en podcasting de Forbes España en 2022 e 2023. Coescribiu ‘Putos himnes generacionals’ (2015), ‘Macros ocultas. Retrofuturos y universos virtuales en la ciencia ficción a propósito de TRON’ (2022), e o prólogo de ‘Apolo: 75 anos sen parar de bailar’ (2018). Codirixiu as producións de L’Auditori de Barcelona ‘Amor Odi Radioshow’ (2022) e ‘La Mort del Gènere’ (2023), e como DJ actuou en festas do Primavera Sound, Vida Festival, Sala Apolo e Razzmatazz.