Daniel Valcárcel Colino 

Daniel Valcárcel, natural de Culleredo, forma parte do panorama musical independente galego dende 2020. Baixo o pseudónimo de Aeronave Adolescente publicou varios singles e EP, sempre producidos no seu dormitorio cos recursos dos que dispoñía. O ano pasado publicou o seu disco de debut, “Sempre Esta Chovendo Na Beira Do Mar”, cunha excelente acollida por parte do público e unha pequena xira que o levou por diversas salas e festivais de España, desde Madrid, Oviedo, Zaragoza ata o SeaSon Fest 2023. Ademais, en 2023 estreou tamén a súa curtametraxe debut “Palomas de Agua” como parte da selección oficial de non ficción na segunda edición do Festival FACOMFEST.

Mondra

MONDRA é artista, cantante e bailarín. Criouse vencellado á música e á danza tradicional galega, así como ao teatro e ao audiovisual. Desde 2021 forma parte, como vocalista e bailarín, da compañía de danza Fran Sieira. Ademais, vén de presentar “ARDĒN” (Altafonte Music Spain, setembro de 2023), o seu primeiro disco; unha experiencia musical, visual e performativa, en diálogo coa música tradicional galega. Licenciado en Comunicación Audiovisual, acaba de recibir o Premio Artista Novo da Revista Coralia e está nominado aos Premios Mestre Mateo co videoclip do seu traballo “RUANDO”.

Iria Ramos Mesía 

Xornalista e comunicadora de Valdoviño. Conta historias no Podcast Faiado e conta o que lle boten na Cadena SER. Gústalle a arte, a política e as festas en xeral. As tres cousas, nas súas definicións máis amplas… e as tres, moito, e por igual. Ellen Ripley, Cameron Tucker e Fleabag como referencias. Asegura que non cala nin debaixo da auga e chama incluso aos gatos “compa”, e defínese como “simpática e amigable; intensa e dramática”. Hooligan de “Black Mirror”, “Los Simpson” e “Padre Casares”. En canto ao cine, de “Fargo”, “Interstellar” e “Close”.

Afra Torrado

Afra Torrado (Bamio, 1997) licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciouse en Artes Gráficas. Debuxa e escribe poesía. Publicou os seus traballos en fanzines, antoloxías como “No seu despregar” (Apiario, 2016) ou “Entre leiras e labores” (Urutau, 2022), e revistas como “Dorna”. Coordina, xunto con Pablo Rodríguez, a empresa non-editorial Leite Editions porque o que máis lle gusta son os fanzines. En 2023 publicou o seu primeiro cómic, “Fago o que podo”, editado por Rodolfo e Priscilla.