A 12ª edición do festival Carballo Interplay que terá lugar en Carballo (Galicia) do 24 ao 27 de abril de 2025 convoca a inscrición de proxectos para o seu premio á produción de contido dixital en galego que ten por obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet.
CARACTERÍSTICAS DOS PROXECTOS
Os proxectos presentados a este premio deben estar referidos á creación de contidos audiovisuais para internet en lingua galega e deben ser creacións propias, orixinais e inéditas. Poden ser de calquera formato sempre e cando sexan pensados para seren difundidos en internet mediante varias entregas, capítulos ou partes. A plataforma de difusión pode ser calquera: youtube, instagram, tiktok, plataforma de streaming etc Poden ser de imaxe real, animación, stop motion, técnica combinada, etc.
Non hai ningún tipo de restrición de temática, xénero, estilo e persoas destinatarias sempre que non conteñan ningún tipo de contido ofensivo contra ninguén.
Deben ser gravadas orixinalmente en galego e esta debe ser a língua do seu título e créditos.
PRAZO
Poderán presentarse proxectos dende a publicación das bases ata o 31 de marzo de 2025.
PREMIO
O premio ten unha dotación económica de 3.000 euros e deberá destinarse exclusivamente á produción de, polo menos, tres videos ou partes do proxecto premiado.
DOCUMENTACIÓN REQUERIDA
Os/as solicitantes deberán cubrir debidamente o formulario online que atoparán na web do festival.
No formulario deberán adxuntar nun único arquivo en formato .pdf a MEMORIA do proxecto que debe conter:
- Sinopse do proxecto (máximo 1 páxina)
- Memoria explicativa do proxecto (máximo 5 páxinas)
- Calendario da produción
- Plan de comunicación e presenza en RRSS.
- Historial profesional do/a solicitante, persoa, entidade ou produtora
- Currículo do equipo técnico e artístico que participará no proxecto.
- Ligazón a teaser visual do proxecto
- Guión do primeiro capítulo no caso de ser unha serie ou guión estruturado por partes/entregas/capítulos dos contidos no caso de ser outro tipo de proxecto.
- Calquera outra documentación que o/a solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
PROXECTOS FINALISTAS
O comité de selección nomeado para o caso escollerá os proxectos finalistas.
Os/as responsables dos proxectos finalistas terán que defender o seu proxecto facendo un piching nun tempo máximo de 15 minutos ante os/as membros do xurado específico para esta convocatoria, coa intención de convencer da calidade, orixinalidade, necesidade e viabilidade do proxecto.