A 13ª edición do festival Carballo Interplay que terá lugar en Carballo (Galicia) do 16 ao 19 de abril de 2026 convoca a inscrición de proxectos para o seu premio á produción de contido dixital en galego que ten por obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet.
Características dos proxectos
Os proxectos presentados a este premio deben estar referidos á creación de contidos audiovisuais para internet en lingua galega e deben ser creacións propias, orixinais e inéditas.
Poden ser de calquera formato sempre e cando sexan pensados para seren difundidos en internet mediante varias entregas, capítulos ou partes. A plataforma de difusión pode ser calquera: youtube, instagram, tiktok, plataforma de streaming etc
Poden ser de imaxe real, animación, stop motion, técnica combinada, etc.
Non hai ningún tipo de restrición de temática, xénero, estilo e persoas destinatarias sempre que non conteñan ningún tipo de contido ofensivo contra ninguén.
Deben ser gravadas orixinalmente en galego e esta debe ser a língua do seu título e créditos.
Prazo
Poderán presentarse proxectos dende a publicación das bases ata o 29 de marzo de 2026.
Premio
O premio ten unha dotación económica de 3.000 euros e deberá destinarse exclusivamente á produción de, polo menos, tres videos ou partes do proxecto premiado.
O premio estará suxeito ás posibles retencións fiscais que a lei estableza.
Documentación requerida
Os/as solicitantes deberán cubrir debidamente o formulario online.
No formulario deberán adxuntar nun único arquivo en formato .pdf a MEMORIA do proxecto que debe conter:
- Sinopse do proxecto (máximo 1 páxina)
- Memoria explicativa do proxecto (máximo 5 páxinas)
- Calendario da produción
- Plan de comunicación e presenza en RRSS.
- Historial profesional do/a solicitante, persoa, entidade ou produtora
- Currículo do equipo técnico e artístico que participará no proxecto.
- Ligazón a teaser visual do proxecto
- Guión do primeiro capítulo no caso de ser unha serie ou guión estruturado por partes/entregas/capítulos dos contidos no caso de ser outro tipo de proxecto.
- Calquera outra documentación que o/a solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.
Proxectos finalistas
O comité de selección nomeado para o caso escollerá os proxectos finalistas.
Os/as responsables dos proxectos finalistas terán que defender o seu proxecto facendo un piching nun tempo máximo de 15 minutos ante os/as membros do xurado específico para esta convocatoria, coa intención de convencer da calidade, orixinalidade, necesidade e viabilidade do proxecto.
O xurado poderá facer preguntas para coñecer mellor o proxecto presentado.
O piching será aberto ao público e terá lugar dentro da programación do festival.
Xurado específico
O xurado específico estará composto por persoas de recoñecida capacidade dos ámbitos do audiovisual, da creación en rede e da normalización lingüística, un representante do Concello de Carballo e un representante do equipo directivo do festival.
Valorarase a creatividade e a orixinalidade da proposta, a calidade creativa e o impacto favorable para a posta en valor do galego en internet, así como a súa viabilidade de cara á produción.
O Concello de Carballo resérvase o dereito de deixar deserto o premio no caso de non concorreren a concurso un mínimo de tres proxectos finalistas.
O proxecto premiado farase público na entrega de premios do festival. Cando menos un/ha dos/as representantes de cada proxecto finalista deberá estar presentes na entrega de premios.
Obrigas do/a beneficiario/a
Polo menos tres videos/capitulos ou partes do proxecto gañador deberán estar finalizados para ser estreados na 14ª Edición do Festival CARBALLO INTERPLAY
