O CARBALLO INTERPLAY CELEBRARÁ A SÚA 14ª EDICIÓN DO 8 AO 11 DE ABRIL E REPARTIRÁ 3.000 EUROS EN PREMIOS

O festival de pensamento e contidos dixitais Carballo Interplay celebrará a súa 14ª edición do 8 ao 11 de abril de 2027. A cita volverá reunir en Carballo a persoas creadoras, profesionais do audiovisual e público arredor das series de formato curto e dos contidos que se crean para a rede, cunha especial atención á creación en galego.

Co anuncio das datas, o festival abre a inscrición nas súas dúas convocatorias. A Competición Internacional de Series de Formato Curto está dirixida a producións de todo o mundo, mentres que os Premios á Creación Dixital Galega recoñecen o traballo de quen crea e publica contidos propios en galego en redes e plataformas dixitais.

Competición Internacional de Series de Formato Curto

Poderán presentarse series producidas entre 2025 e 2027, de calquera xénero ou temática, tanto de imaxe real como de animación. As producións deberán contar cun mínimo de tres episodios de ata 30 minutos cada un, que poderán ser inéditos ou estar xa publicados en plataformas de vídeo ou de streaming. As series en linguas distintas do galego ou do castelán deberán presentarse con subtítulos nalgunha destas dúas linguas ou en inglés.

A competición outorgará catro galardóns: Mellor Serie (800 euros), Premio do Xurado Novo (400 euros), Premio do Público (400 euros) e Mellor Dirección (200 euros). Todos inclúen un trofeo. As candidaturas poderán presentarse ata o 26 de febreiro de 2027 a través da web do festival.

Premios á Creación Dixital Galega

O festival concederá dous premios de 600 euros cada un, á Mellor Canle e á Mellor Creador/a. Poderán concorrer persoas creadoras, proxectos específicos e canles completas de YouTube, TikTok, Instagram ou doutras plataformas activas no momento da inscrición. Os contidos deberán ser de creación propia e en galego, contar cun historial de publicacións que se poida comprobar e ter intención de continuidade.

O prazo de inscrición remata o 15 de marzo de 2027 e as candidaturas poderán presentarse mediante o formulario dispoñible na web do festival. As persoas responsables das candidaturas finalistas presentarán as súas propostas ante un xurado durante o festival. Quen gañe o premio á Mellor Creador/a formará parte do xurado dixital da seguinte edición.

Na pasada edición, T-Rex gañou o premio á Mellor Serie e Daphné Chollet obtivo o de Mellor Dirección por Ruby. O Xurado Novo distinguiu Eyes in the Woods e o público premiou a segunda tempada de The Struggle for Existence. No apartado de Creación Dixital Galega, Miradenovo recibiu o premio á Mellor Canle e @Antontísimo levou o galardón individual.

O Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo, coa produción e dirección de Cósmica.