A autoexplotación nos creadores de contido e na cultura e a comunicación na diversidade desde o antirracismo serán os eixos dos paneis do Carballo Interplay

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay é un espazo de reflexión sobre as tendencias na rede e no mundo dixital. Desde esta premisa os seus Paneis explorarán este ano temas como a autoexplotación ou a diversidade. A mañá do sábado 26, no Mercado de Carballo, algunhas das voces máis destacadas do panorama dixital estatal xuntaranse para debatir sobre estes temas. 

 

O primeiro panel leva de título “Abajo el trabajo” Nun mundo de continua transformación de tendencias os espazos dixitais e culturais demandan novos productos, e contidos, con gran rapidez, algo que pode contrastar co discurso de moitos creadores e creadoras de contido. Juana Dolores, Christo Casas e Puto Mikel, tres pensadoras e creadoras anticapitalistas especialistas en eidos tan diversos coma o xornalismo, a arqueoloxía ou as artes dramáticas debatirán neste panel sobre preguntas como “pódese vivir da creación sen autoexplotarse?”. 

 

Juana Dolores é actriz, dramaturga e directora de escena. Tamén poeta e videoartista cunha obra que xorde da dialéctica entre a política e a estética. Christo Casas é xornalista e antropólogo, autor de novelas e ensaios con perspectiva de clase e queer, como “El Power Ranger rosa” (Niños gratis, 2020) ou “Maricas malas” (Paidós, 2023). Por último, Puto Mikel e arqueólogo e divulgador, tanto desde a súa canle en Youtube como en programas como El Intermedio ou El Condensador de Fluzo. Utiliza a performance para falar da historia dende perspectivas máis inclusivas e sobre a construcción de discursos do pasado.

 

Co obxectivo de axudar a difundir os discursos de creadoras que buscan defender os dereitos de todas o panel “Comunicar na diversidade” xuntará a algunhas das creadoras e comunicadoras máis relevantes que hai neste momento na loita antirracista e contra a xitanofobia como Chaimaa Boukharsa, Silvia Agüero, Lucía Mbomío e Celia Montoya. Conversarán sobre mellorar os espazos de debate, como educar dun xeito igualitario e corrixir os nosos prexuizos.

 

Chaimaa Boukharsa é filóloga licenciada en Estudos Árabes e Islámicos, especialista en diversidade cultural e antirracismo. Conferenciante, consultora e comunicadora, ademais de cofundadora de Afrocolectiva, un medio de comunicación antirracista, afrofeminista e decolonial. Silvia Agüero, pola súa banda, é comunicadora, actriz, escritora, dramaturga, pintora e presidenta da Asociación Pretendemos Gitanizar el Mundo. Lucía Mbomío é guionista e colaboradora en varios medios de comunicación, ademáis de experta na xestión da diversidade no eido empresarial. É cofundadora de Afromayores, un proxecto fotográfico e de vídeo sobre memoria protagonizado por xente africana e afrodescendente de máis de 65 anos. Completa o panel Celia Montoya, cantante e actriz xitana, activista polos dereitos do pobo xitano. Foi responsable da área de igualdade, xénero e mulleres xitanas na fundación nacional do Secretariado Gitano, así como impulsora do proxecto estatal empresarial de Fragua Proyect, primeira empresa social de servizos globais construida por persoas xitanas.

 

A xornada do sábado 26 completarase co directo do podcast Keep it cutre, presentado polas creadoras de contigo Ángela Henche e Albanta San Román e os shows CFA -Código Fonte Audiovisual- con Bob Pop e “Aquí no hay quien viva” da cómica Ana Polo. Para os dous últimos ainda se poden reservar entradas, de balde, na páxina web do festival. 

 

Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación da Coruña e Xunta de Galicia a través de AGADIC.