A SERIE INFANTIL ‘PIPO’ PROXECTARASE NO CARBALLO INTERPLAY

O Carballo Interplay suma á programación da súa 13ª edición unha proposta pensada especificamente para o público miúdo coa proxección da serie infantil Pipo, que poderá verse o vindeiro xoves 16 de abril ás 18.30 horas na Biblioteca Rego da Balsa. A actividade está dirixida a crianzas de entre 3 e 7 anos e requirirá inscrición previa. Toda a información sobre a reserva de praza pode consultarse en www.carballo.gal.

A sesión intégrase nunha nova edición do festival de contidos dixitais, que se celebrará do 16 ao 19 de abril e que volverá converter Carballo nun espazo de encontro para a creación en liña, as novas narrativas audiovisuais e a reflexión arredor do ecosistema dixital contemporáneo. Xunto ás súas seccións competitivas, os encontros con creadoras e creadores e as actividades en directo, o festival continúa abrindo tamén espazos para públicos diversos, incorporando contidos deseñados para as crianzas e as súas familias.

Pipo conta a historia de Berta, unha rapaza de seis anos que vive coa súa nai e co seu irmán pequeno, ao que chama sempre Mocos. No primeiro día do novo curso escolar, a nena atopa no patio traseiro da súa casa a Pipo, un extraterrestre que caeu do ceo e ao que decide agochar no seu cuarto. Moi axiña, Berta descubre que o seu novo compañeiro é bastante distinto dela: ruidoso, desordenado e cun apetito desmedido que o leva a comer practicamente calquera cousa.

A chegada de Pipo transforma a vida cotiá da familia nunha aventura continua. Con sorpresa e curiosidade, o pequeno extraterrestre irá descubrindo os hábitos humanos, desde lavar os dentes ata pelar as laranxas, mentres revela pouco a pouco os moitos segredos que agocha. O universo diario de Berta convértese así nun escenario cheo de humor, imaxinación e descubrimentos, pensado para conectar co público infantil a través dunha historia próxima, divertida e chea de fantasía.

Con esta actividade, o Carballo Interplay reforza a súa vontade de ofrecer unha programación plural e aberta, capaz de dialogar con distintos públicos e idades arredor da cultura audiovisual e dixital. 

Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.