O festival de contidos dixitais Carballo Interplay presenta os paneis da súa Zona Pro, un espazo para reflexionar e debatir sobre as tendencias na industria da comunicación e o eido dixital da man dos seus protagonistas. Nesta XII edición do festival, que será do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo, explorarase o fenómeno do true crime, o seu formato, o estilo a ambientación, así como conflictos éticos, da man de dous proxectos galegos premiados pola iniciativa Radar Podcast Spotify. O panel será o venres 26 ás 10:00 e participarán os programas “Sofá, manta y crimen”, Ana Orellana creadora de “La crónica oscura” e Jesús Carbón, responsable de partnerships con creadores, medios de comunicación e productoras de podcasts en Spotify España.
O Celta de Vigo tamén estará presente en Carballo. O segundo panel, que será ás 12:00 centrarase na estratexia de comunicación do clube galego e do seu impacto no eido dixital. De título, “O chío, a Oliveira e as raíces. O impacto da comunicación do Celta de Vigo no sentir da sociedade galega” repasará cos responsables de comunicación as chaves do seu éxito. A mañá rematará cun podcast en directo. O Faiado, programa galego en tendencia gañador do pitching a mellor proxecto dixital en galego (na categoría de canle) da última edición do Interplay, pechará a mañá conversando con convidados moi especiais que se desvelarán proximamente.
Esta parte de pensamento e reflexión dentro do festival complétase tamén na xornada do sábado 26 con Juana Dolores, Christo Casas e Puto Mikel, que reflexionarán no panel “Abajo el trabajo” sobre a hiperproductividade e autoesixencia nos creadores de contido. Para falar da loita antirracista e contra a xitanofobia estarán Chaimaa Boukharsa, Silvia Agüero, Lucía Mbomío e Celia Montoya no panel “Comunicar na diversidade”.
O Carballo Interplay completa así a presentación da súa programación de contidos dixitais, a falta de anunciar a Sección Oficial na categoría de series e os finalistas dos diversos premios do certame, como o de Mellor Creador/a e Mellor Canle Dixital en Galego, o único en Galicia que destaca a creadores dixitais de diversas plataformas de contido. Con gran acollida na programación de shows, na que destacan “Rajando con… Facu Díaz e Miguel Maldonado”, o podcast “Keep it cutre” de Ángela Henche e Albanta San Román ou “CFA – Código Fonte Audiovisual” con Bob Pop e “Aquí no hay quien viva” da cómica Ana Polo.


