BIMBOFICADAS, CON SAMANTHA HUDSON E MARÍA BARRIER, ENCHE O CARBALLO INTERPLAY NA SÚA PRIMEIRA VISITA A GALICIA

O Carballo Interplay viviu este venres unha das súas xornadas máis concorridas e celebradas cun programa que volveu amosar a diversidade de formatos, voces e liñas temáticas que atravesan a súa 13ª edición. O gran reclamo do día foi Rajando con… Bimboficadas, co que Samantha Hudson e María Barrier, que visitaron Galicia por primeira vez e encheron o Mercado de Carballo nunha das citas que máis expectación espertaran desde o anuncio da programación, as entradas -para unhas 300 localidades- esgotáronse en poucos minutos.

A resposta do público confirmou a acollida dunha proposta que exemplifica con claridade unha das liñas máis recoñecibles do festival: a súa capacidade para levar ao directo linguaxes, códigos e formatos propios da cultura de internet. Con Bimboficadas, o Carballo Interplay sumou ao programa unha das voces máis singulares e irreverentes do panorama dixital actual.

A programación do venres concentrou tamén outras das citas destacadas desta edición na súa liña de shows e podcast en directo. Entre elas, Sexo en Nueva York Podcast, con Raquel Piñeiro e Patricia Blanco, que revisitaron xunto ao público algúns dos grandes momentos deste clásico das series. 

A xornada incluíu ademais a preestrea en Galicia de Millennial Mal, a nova serie creada e dirixida por Lorena Iglesias, que chegou a Carballo tras o seu paso polo Festival de Málaga. A propia Iglesias presentou esta nova proposta que chegará no verán a Filmin, e o público gozou en Carballo dos dous primeiros capítulos. Tamén se pudieron ver durante a tarde novas pezas da Sección Oficial de weberies. 

Análise da situación do podcast e dos novos medios que nacen en internet

Esta xornada tivo tamén un marcado compoñente profesional e de análise a través da Zona PRO. Ao longo do día, o festival acolleu distintos faladoiros arredor de cuestións de plena actualidade no ecosistema dixital, como o impacto da intelixencia artificial nos medios cun panel de Maldita.es, o momento do podcast en España e a aparición de novas voces informativas nun contexto marcado polos algoritmos, a saturación e a transformación constante dos hábitos de consumo cultural e mediático. Participaron nunha conversa sobre o momento actual do podcast en España: Ana Alonso (Prisa, AS, Huffington), Óscar Piera (Tresdeu Media, Festivalpod) e Javier Hernández (RNE). A continuación, o festival puxo o foco en novos proxectos informativos e divulgativos en internet da man de Trescentostrece, Salseología, Literal247 e Woke up!, reforzando así o papel do Carballo Interplay como espazo de análise da comunicación dixital contemporánea. 

Presentación dos proxectos finalistas ao Premio Creación Dixital Galega

Esta edición é tamén a gran consolidación do Premio Creación Dixital Galega (dividido en dúas categorías, Mellor Creador/a e Mellor Canle, con 600€ de premio respectivamente), cun total de 34 proxectos presentados a concurso, a cifra máis alta desde que se fundou fai dúas edicións. Durante a tarde os 8 finalistas  -4 por cada categoría- presentaron os seus proxectos para ser avaliados por un xurado integrado por Adrián Pérez (creador do proxecto dixital @salseologia), Andrea Villa (codirectora do festival e programadora de actividades) e Sara Seco (gañadora do premio na pasada edición na categoría de creación). O resultado darase a coñecer na entrega de premios do domingo.

O festival continuará este sábado 18 de abril no Mercado de Carballo con novas actividades arredor da divulgación, a memoria de internet, a creación audiovisual e a cultura pop, dentro dunha programación que se desenvolverá ata o domingo 19 de abril.

Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.