O Carballo Interplay avanza a súa programación co podcast Pop y Muerte, con Kiko Amat e Benja Villegas

 O Carballo Interplay avanza a programación da súa 13ª edición, que se celebrará do 16 ao 19 de abril de 2026, co anuncio dun dos podcasts que poderá escoitarse en directo durante o festival: Pop y Muerte, conducido por Kiko Amat e Benja Villegas. Será a primeira vez que o dúo pasa por Galicia cun dos programas máis queridos do panorama de podcast estatal.

A actividade terá lugar o sábado 18 de abril ás 22.30 horas no Mercado de Carballo, dentro dunha nova entrega do certame que converterá de novo a vila nun espazo de encontro arredor das tendencias audiovisuais da rede, a creación dixital e as voces máis estimulantes do panorama actual.

Nesta edición, Carballo Interplay reivindica un internet creativo e vivo, pero tamén máis crítico, habitable e consciente. A proposta deste ano tamén mirará ao pasado para entender o presente e pensar o futuro sen medo, mantendo a súa aposta pola creación e polo pensamento arredor da cultura dixital. Xunto a isto, o festival volverá contar coa súa Sección Oficial de Series, con proxectos nacionais e internacionais de vangarda, así como con encontros con creadoras e creadores galegos, shows, paneis e outras actividades abertas a todos os públicos.

POP Y MUERTE’ POR PRIMEIRA VEZ EN GALICIA

Un dos proxectos que formará parte desta edición é Pop y Muerte, un podcast sobre cultura popular que chega xa á súa quinta tempada. Detrás desta proposta están Kiko Amat e Benja Villegas, que se coñeceron na radio hai cinco anos e, desde entón, non deixaron de falar. Unidos pola subcultura, o punk rock e a paixón polas historias de calidade, ambos construíron un espazo con personalidade propia e unha comunidade de seareiras e seareiros moi fiel.

Ao longo das súas tempadas, Pop y Muerte abordou cuestións tan diversas como os homicidios, a música pop, as sectas ou o fútbol, sempre desde unha mirada afiada, irreverente e profundamente documentada. No directo, o podcast destaca pola súa elocuencia desbordante e por unha erudición pop que bebe de anos de inmersión entre discos, cómics, películas e libros, facendo de cada entrega unha experiencia tan lúcida como divertida.

ABERTAS AS CONVOCATORIAS PARA OS DIFERENTES PREMIOS

Mentres se coñecen novos avances da programación, continúan abertas as convocatorias da 13ª edición do festival. As persoas interesadas aínda poden inscribirse na Competición Oficial de Series en Formato Curto, no Premio Creación Dixital Galega e no Premio á Produción de Contido Dixital en Galego a través do formulario dispoñible na páxina web do certame. Con estes galardóns, o festival mantén o seu compromiso co impulso á creación audiovisual e dixital, co apoio ao talento emerxente e coa promoción de novos proxectos en galego no ámbito das redes e das novas linguaxes da internet.

Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.