Conta atrás para o XII Carballo Interplay, a edicion “máis diversa, social e inclusiva” dun evento único en Galicia

 O cartel da XII edición do Carballo Interplay xa está na vila coruñesa cunha programación que pon o foco na diversidade, inclusividade para crear espazos libres e seguros en redes, con grandes nomes como Facu Díaz, Miguel Maldonado ou Ana Polo e máis dunha ducia de proxecións de webseries de todo o mundo, destacando estreas como a da serie Mariliendre, do director galego Javier Ferreiro. O Carballo Interplay cumple nesta edición doce anos como un evento de referencia en Galicia, o único dedicado a tratar desde a reflexión, a diversidade e a aprendizaxe as tendencias na rede e pioneiro na comunidade en crear un espazo de encontro físico entre as persoas que crean contido no dixital, especialmente entre a comunidade galega. 

 

Esta é a proposta que levaron a Carballo Sonia Méndez e Andrea Villa, directoras do evento, e que presentaron hoxe xunto a Evencio Ferrero, alcade de Carballo; Jacobo Sutil, director de AGADIC, Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña e Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo. “É a programación máis diversa, social e inclusiva”, destacou Andrea Villa, na que o humor, o feminismo e a inclusión seguen sendo liñas fundamentais na editorial do evento. Además, Villa puxo en valor a presencia dos creadores galegos, tanto nos premios á creación dixital en galego como na propia programación: “Os creadores galegos non teñen un oco na programación, están presentes en todos os ocos”, sinalou, destacando tamém o apoio á creación en lingua galega como un dos eixos fundamentais do evento. “É a edición máis importante porque imos tratar temas de actualidade, sobre como nos relacionamos no mundo, no eido dixital e físico, creando lugares de xuntanza para  conversa e reflexionar”, completou. Pola súa banda Sonia Méndez destacou o éxito da convocatoria da Sección Oficial de Series, con máis de 200 series presentadas de todo o mundo e como o Carballo Interplay comverteuse ao longo dos anos como o berce de novos talentos do audiovisual galego: “Hai productoras novas que sairon dos proxectos do Interplay”, sinalou. Para rematar, animou á cidadanía de Carballo a achegarse ao Mercado e investigar todo o que o evento ofrece.

 

Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo, declarou que é un “orgullo” para Carballo acoller o festival. “Un espazo de liberdade onde todo o mundo que ten algo que contar atopa o seu oco”, destacou. Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña puxo en valor o “compromiso coa innovación” e Jacobo Sutil, director de AGADIC, pola súa banda, sinalou a importancia da evolución do evento “extratéxico dentro do panorama audiovisual galego”. “Ser pioneiro está moi ben, pero o que nos enche é ver que aquela primeira vez fai XII edicións ten continuidade, e hai outros eventos que miran a este por ser modelo” rematou a presentación Evencio Ferrero, alcalde de Carballo. 

 

HUMOR PARA CONTAR A ACTUALIADE, FALAR DA CRISE DA VIVENDA OU DOS PROBLEMAS DA XERACIÓN MILLENNIAL

 

O dúo formado por Facu Díaz e Miguel Maldonado tomarán os mandos da sección habitual do festival “Rajando con…” na noite do venres, coa súa xenuina mestura de sátira política, humor e improvisación. Outro dos espectáculos habituais do Carballo Interplay é o CFA -Código Fonte Audiovisual- que nesta ocasión presentará o escritor e guionista Bob Pop.  Tamén no sábado pasarán polo Mercado de Carballo Ángela Henche e Albanta San Román, presentadoras do podcast “Keep it cutre” un programa que nace das súas charlas do día a día cunha gran dose de humor tocando temas relacionados co sentir da xeración millennial. A crise da vivenda é un dos grandes temas na axenda diaria e chegará tamén á nova edición do Carballo Interplay da man da cómica Ana Polo. No espectáculo “Aquí no hay quien viva” Polo seguirá o formato de El Precio Justo para falar xunto ao público e convidados sorpresa do prezo ao que se atopa a vivenda. 

 

ESPAZOS DE REFLEXIÓN E DEBATE SOBRE AS TENDENCIAS DA REDE

 

O festival contará tamén con varios paneis e actividades dedicados a reflexionar e aprender sobre as novas tendencias na rede e sobre como convivir no universo dixital desde unha ollada feminista ou antirracista. Na xornada da mañá do venres a Zona Pro explorarase o fenómeno do true crime, o seu formato, o estilo a ambientación, así como conflictos éticos, da man de dous proxectos galegos premiados pola iniciativa Radar Podcast Spotify, La Crónica Oscura e Sofá, Manta y Crimen xunto a Jesús Carbón, responsable de partnerships con creadores, medios de comunicación e productoras de podcasts en Spotify España. 

 

O Celta de Vigo tamén estará presente en Carballo. O segundo panel centrarase na estratexia de comunicación do clube galego e do seu impacto no eido dixital. De título, “O chío, a Oliveira e as raíces. O impacto da comunicación do Celta de Vigo no sentir da sociedade galega” repasará cos responsables de comunicación as chaves do seu éxito.

 

Esta parte de pensamento e reflexión dentro do festival complétase tamén na xornada do sábado con Juana Dolores, Christo Casas e Puto Mikel, que reflexionarán no panel “Abajo el trabajo” sobre a hiperproductividade e autoesixencia nos creadores de contido. Para falar da loita antirracista e contra a xitanofobia estarán Chaimaa Boukharsa, Voria Stefanovsky, Lucía Mbomío e “Guru” Jiménez  no panel “Comunicar na diversidade”.

 

O  xoves o festival recibirá a visita de alumnado para asistir ao obradoiro “Kit de autodefensa dixital” con Fembloc, un obradoiro pensado para visibilizar as tendencias machistas na rede e dar ferramentas para combatelas. A privacidade en liña, o control das imaxes íntimas ou privadas, e como responder en casos de control e vixilancia. Tamén indagarán no universo dos videoxogos, un ámbito esencial na historia do audiovisual galego e máis contando en Galicia co primeiro museo aberto en España adicado á súa historia, o MUVI, un proxecto da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia.

 

UN PUNTO DE ENCONTRO PARA A CREACIÓN DIXITAL EN GALEGO

 

Nesta edición o Carballo Interplay demostrará tamén como a comunidade dixital de Galicia non ten fronteiras con un encontro co mestre de Nova Iorque Andy Chichester, un “ianquie de alma galega”, como el mesmo se define. Chichester conversará con Federico Pérez sobre a súa experiencia como neofalante e sobre a súa descuberta da cultura galega. Tamén pasarán polo festival Non Saímos do Lixo ou o vidopodcast O Faiado.

 

Ademáis, Carballo Interplay é unha gran plataforma para os creadores e creadoras de contido en galego. Nesta edición, pasarán polo festival unha ducia de proxectos en galego que demostran o interese por crear contido na nosa lingua e a gran riqueza e diversidade que podemos atopar na rede. Participarán nos premios á Produción de Contido Dixital en Galego e á Creación Dixital Galega. Nesta edición as directoras destacaron o aumento de participantes que amosa o interese, especialmente da mocidade, por crear contidos en galego para as redes.

 

VINTE WEBSERIES DE TODO O MUNDO E AS ESTREAS DE DELIRIO SKETCHS E MARILIENDRE

 

Para a XII edición do festival foron seleccionadas vinte propostas de ata unha ducia de países, destacando a gran variedad de xénero, estilos e temáticasCanada será o páis máis representado no certame galego, con cinco series feitas por creadores e creadoras dese país. O segue España, con catro series no concurso, das cales tres son galegas. “Así falamos, así sentimos”, “E logo, quen foi?” e “A moza que abortou e o contou”. Tamén chegarán a Carballo proxectos de Estados Unidos, Irán, Reino Unido, Chile, Portugal, Alemaña, Puerto Rico, Australia, Francia e Austria. A programación completa pódese consultar na páxina web do festival.

 

Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación da Coruña e Xunta de Galicia a través de AGADIC.