O CARBALLO INTERPLAY CONSOLIDA OS SEUS PREMIOS Á CREACIÓN DIXITAL EN GALEGO CUN RÉCORD DE 35 PROXECTOS INSCRITOS E PRESENTA AOS FINALISTAS

O Carballo Interplay vén de anunciar os 12 proxectos finalistas dos seus premios dedicados á creación de contido dixital en galego, unha das liñas de traballo coa que o festival reforza o seu apoio ao talento emerxente e ás novas formas de creación na rede. Na súa XIII edición, que se celebrará do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo, o certame volverá converterse nun escaparate da diversidade de propostas que se están a desenvolver na nosa lingua tanto no eido audiovisual como no da divulgación, o humor, a análise cultural ou a creación en redes.

A selección deste ano inclúe catro candidaturas ao Premio á Produción de Contido Dixital en Galego e outras oito ao Premio Creación Dixital Galega, dividido nas categorías de Mellor Canle e Mellor Creador/a. No caso deste segundo galardón, o festival acadou nesta convocatoria un récord de 35 proxectos inscritos, unha cifra que evidencia o interese cada vez maior pola creación dixital en galego, especialmente entre a xente nova, ao tempo que confirma a consolidación deste recoñecemento, que se entrega por terceira vez. A elevada participación permitiu ademais constatar a aparición de numerosas propostas emerxentes, mostra do dinamismo e da renovación constante que vive o ecosistema dixital galego. Os gañadores daranse a coñecer na entrega de premios presentada por Lorena Iglesias, o domingo día 19 ás 12:30 no Mercado de Carballo. A continuación o festival pechará a edición cunha sesión vermú con Monkey Mambo Club.

Récord de participación nun premio que afianza a súa traxectoria
O Premio Creación Dixital Galega distingue proxectos xa consolidados ou en crecemento dentro do panorama dixital en galego, sen diferenciar entre plataformas, formatos ou temáticas. Esta convocatoria, que o Carballo Interplay celebra este ano por terceira vez estrutúrase en dúas categorías, Mellor Canle e Mellor Creador/a, dotadas con 600 euros cada unha.

Na categoría de Mellor Canle son finalistas Miradenovo, un espazo de divulgación sobre arquitectura, urbanismo e deseño consciente desde unha mirada galega; Mareando o Xogo, centrado no seguimento do fútbol feminino da Costa da Morte; chutenmeme, unha proposta de humor, política e shitpost cun ton irreverente; e Prendidísima, o podcast de Mai Insua, que aborda cuestións vinculadas á psicoloxía, o feminismo e a diversidade a través de conversas pausadas con mulleres e disidencias sexuais feministas.

Na categoría de Mellor Creador/a resultaron seleccionados @antontísimo, polos seus vídeos de ton xeracional, persoal e reflexivo; @larias_wrk, conta de ilustración que transforma en debuxos cuestións como a precariedade, a saúde mental, a identidade ou a presión estética; @Adochinto, proxecto centrado na divulgación da historia e da cultura galega cunha linguaxe accesible e conectada co presente; e @sonsdecande, unha proposta que parte do muralismo e da arte urbana para abrirse tamén a outros contidos culturais, sociais e de actualidade.

O xurado encargado de valorar os proxectos finalistas está integrado por Andrea Villa, Sara Seco, gañadora da pasada edición na categoría de Mellor Creadora, e o creador de contido coñecido como Salseología.

As persoas finalistas do Premio Creación Dixital Galega presentarán os seus proxectos no pitching previsto para o venres 17 de abril ás 16.00 h. no Mercado de Carballo.

Apoio ao desenvolvemento de novos proxectos
O Premio á Produción de Contido Dixital en Galego mantén nesta edición a súa dotación de 3.000 euros para impulsar o desenvolvemento dun proxecto audiovisual en formato webserie ou doutros formatos nativos dixitais. Trátase dunha convocatoria orientada a apoiar ideas en fase de crecemento e a favorecer a aparición de novas voces creativas en galego.

Os proxectos finalistas nesta categoría son Falando ao xeito: unha conversa entre bambolinas de Xeitosa Producións, unha canle de divulgación feminista arredor do sector artístico e cultural; o microdrama Crossbooking Castelao inspirado en Cousas, de Castelao, presentado por Teresa Barberena Fernández; O envés dunha curva, a webserie de ficción cómica con elementos de thriller e enfoque híbrido entre teatro e audiovisual asinada por Silvia Cambón Torre; e Imáisde, microserie de ciencia ficción cómica en formato de falso documental, presentada por Ángela Triana.

As catro finalistas defenderán os seus proxectos nun pitching que terá lugar o xoves 16 de abril ás 17.00 h. no Mercado de Carballo, diante dun xurado integrado por Román Varela, gañador da pasada edición con Epidemia Invisible, proxecto que se estreará este ano no festival; Xosé Regueira, concelleiro de Turismo e Promoción Económica de Carballo; e Sandra Lesta.

Catro días de programación e actividades sobre cultura dixital e audiovisual
O anuncio destes premios intégrase nunha XIII edición do Carballo Interplay que, do 16 ao 19 de abril, volverá converter o Mercado de Carballo nun espazo de referencia para pensar a cultura dixital contemporánea desde múltiples perspectivas. A programación reunirá a competición oficial de series, estreas como Epidemia Invisible e Millennial Mal, encontros arredor da creación de contido en galego, actividades profesionais e propostas formativas, xunto con algúns dos directos máis salientables desta edición, como Rajando con…, con Samantha Hudson e María Barrier; Pop y Muerte, con Kiko Amat e Benja Villegas; a gravación en directo de Sexo en Nueva York Podcast; ou a conversa I’LL SEE YOU IN MY DREAMS. TWIN PEAKS. Complétase así unha programación ampla e diversa que afonda tanto no potencial creativo de internet como nas súas contradicións e que consolida o festival como un dos principais puntos de encontro para a comunidade dixital galega e estatal.

Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.