O Carballo Interplay é unha gran plataforma para os creadores e creadoras de contido en galego. Desde os seus inicios apoia proxectos en desenvolvemento de webseries e desde a pasada edición comezou a apoiar tamén outros formatos dixitais e a premiar ás mellores creadoras e creadores. Na XII edición, que será do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo, pasarán polo festival unha ducia de proxectos en galego que demostran o interese por crear contido na nosa lingua e a gran riqueza e diversidade que podemos atopar na rede.
O Premio á Produción de Contido Dixital en Galego creouse para apoiar cun financiamento de 3.000€ a proxectos audiovisuais en formato de webserie. A dirección do festival destaca que, desde a pasada edición, esta categoría acepta tamén proxectos dixitais como canles ou seccións en redes sociais, aumentando o número de candidaturas recibidas e diversidade das mesmas. Un aumento de participantes que amosa o interese, especialmente da mocidade, por crear contidos en galego para as redes.
Os proxectos finalistas son Epidemia Invisible, de Román Varela, un proxecto multiformato que propón unha inmersión honesta e sensible na realidade da saúde mental en Galicia, combinando o formato principal dunha serie documental con pezas complementarias en formato videoblog ou reel; Escoitasme?, unha webserie de ficción do alumnado de 4º da ESO do instituto IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela; Artistas en Reserva, webserie de Martín Castro que segue a un grupo de mozos artistas que tentan abrirse paso no panorama actual das súas respectivas disciplinas; 90 e pico, unha webserie de comedia da Asociación Xuvenil Mómaro e Señoras con Recursos, unha webserie que é crítica feminista aos roles de xénero clásicos e xa caducos do sistema laboral, en clave de comedia disparatada, creada por Silvia Lorenzo e Paloma Otero.
O xoves 24 ás 17:00 os finalistas presentarán os seus proxectos nun pitching ante o xurado que elixirá que proxecto leva o premio de 3.000€ destinado ao desenvolvemento do mesmo. Na pasada edición a webserie de comedia Delirio Sketchs, da directora Bea Saiáns foi a gañadora e nesta edición presentarán o resultado do seu traballo.
O Premio Creación Galega Dixital, pola súa banda, destaca proxectos xa consolidados no panorama dixital galego, con dúas categorías, Mellor Canle e Mellor Creador/a. É o único premio da comunidade no que se presentan contidos sen diferenciar a súa plataforma de difusión, temática ou formato. O xurado formado por Marta Pérez -profesora na área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Facultade de Comunicación da USC-, María Rúa -creadora de contido coñecida como Prado Rúa-, Andrea Villa -codirectora e programadora do festival- e Andy Chichester -creador de contido en galego de Estados Unidos- seleccionarán aos gañadores, que recibirán un premio de 600€ en cada categoría. Os finalistas presentarán os seus proxectos nun pitching o venres 25 ás 16:00 no Mercado de Carballo.
Os finalistas na categoría de Mellor Canle son Rebelico Revista, un proxecto que presente a cultura tradicional galega dun xeito divertido e actual xa que o obxectivo principal é achegar a tradición galega á sociedade para romper estereotipos e poñela en valor; Descifrando a Historia, un proxecto de divulgación sobre historia de Galicia que conta con un podcast e xera contido en redes sociais como Instagram e Tik Tok; Galego para Peques, un proxecto audiovisual pensado para estender o uso do galego na infancia e o podcast Um Tee com Nee, podcast, no que Nee, unha persoa de xénero non binário, recolle o cambio da sua voz co tratamento hormonal de testosterona. Así, cada episódio relaciona a sua transición de xénero con outra transiciónn cultural, de diversos povos ao redor do mundo.
Na categoría de Mellor Creadora son finalistas tres perfiles que usan Tik Tok como a súa principal rede para crear contido. Konachadas, unha conta de temas moi variados, pero sempre con un trasfondo activista. A súa creadora descríbeo como “retranca consciente”. A tiktoker Sara Seco, coñecida polos seus vlogs nos que narra o seu día día e outros contidos de beleza e lifestyle e Patri Otero, creadora que denuncia aquelas actitudes ou conductas que van en contra dos seus principios e valores. Tamén intenta darlle visibilidade a temáticas que están máis silenciadas e, sobre todo, facer reflexionar a aquelxs que consumen o seu contido.
Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación da Coruña e Xunta de Galicia a través de AGADIC.











