O Carballo Interplay puxo este domingo o broche final á súa 13ª edición tras catro días de programación no Mercado de Carballo, consolidando o seu papel como punto de encontro para o talento dixital, a creación audiovisual e a reflexión arredor da cultura de internet. O festival pecha esta edición con arredor de 2.500 asistentes presenciais e preto de 1.800 visualizacións en streaming, o que supón un seguimento total de máis de 4.250 persoas entre público presencial e comunidade dixital.
Estas cifras confirman a capacidade do Carballo Interplay para atraer ata Carballo creadoras, creadores, profesionais e público interesado nas transformacións da cultura dixital contemporánea, ao tempo que mantén activa unha comunidade que segue o festival desde distintos lugares grazas á retransmisión en liña de boa parte das súas actividades.
A co-directora do festival, Sonia Méndez, puxo o foco na solidez da programación audiovisual desta edición, destacando especialmente “a enorme calidade da Sección Oficial de series”, así como o valor engadido que supuxo contar este ano coa presenza en Carballo de moitos dos equipos das series seleccionadas, que puideron presentar os seus traballos e compartilos co público en coloquios presenciais. Pola súa banda, a co-directora Andrea Villa salientou a consolidación dos premios dedicados á creación dixital en galego, que nesta edición bateron o seu récord de participación con 34 proxectos presentados, e subliñou tamén a boa acollida dos shows, podcasts e encontros pensados específicamente para o festival, así como a implicación do público nos paneis e debates, convertidos en espazos de conversa activa e pensamento crítico.
No palmarés da competición internacional de series de formato curto, o Premio á Mellor Serie foi para T-REX (Canadá, 2024), mentres que o Premio á Mellor Dirección recaeu en Ruby (Francia, 2025). O Premio do Público foi para The Struggle for Existence – S2 (Dinamarca, 2025) e o Premio Xurado Novo distinguiu Eyes in the Woods (Canadá, 2025).
No apartado dedicado ao talento dixital en galego, o Premio á Mellor Canle foi para Miradenovo e o Premio á Mellor Creadora ou Creador para @Antontísimo. Ademais, o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, dotado con 3000 euros, foi para Crossbooking Castelao, reafirmando unha das liñas de traballo centrais do festival no apoio ao desenvolvemento de novos proxectos pensados para o ámbito dixital.
Ao longo desta 13ª edición, o Carballo Interplay volveu combinar a exhibición de series coa estrea en Galicia de Millennial Mal e a presentación de Epidemia Invisible, xunto con paneis como Scroll, scroll, STOP. As novas regras da divulgación e Internet chiquito; shows e podcasts en directo como Bimboficadas, Sexo en Nueva York Podcast, Pop y Muerte, I’LL SEE YOU IN MY DREAMS. TWIN PEAKS e Código Fonte Audiovisual; o concerto de Pantis; as sesións profesionais de Zona PRO; e as actividades arredor da creación de contido dixital en galego. Ao longo destes catro días, o festival reuniu ademais en Carballo algunhas das voces máis recoñecibles e estimulantes da creación e o pensamento dixital contemporáneo, cun programa no que participaron nomes como Samantha Hudson, María Barrier, Carmen Pacheco, Ainhoa Marzol, Kenya Stéphanie, Pablo Lluch, Estela Ortiz ou Juan Evaristo Valls Boix, entre outras convidadas e convidados. O festival pecha así unha edición que reforza o seu lugar como cita de referencia para pensar, celebrar e impulsar a cultura dixital contemporánea desde Carballo.
Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.











