O CARBALLO INTERPLAY REUNIRÁ 19 SERIES NA SÚA SECCIÓN OFICIAL E ACOLLERÁ A PREESTREA EN GALICIA DE ‘MILLENNIAL MAL’

O Carballo Interplay continúa avanzando a programación da súa 13ª edición, que se celebrará do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo, coa presentación da súa Sección Oficial de series e co anuncio da preestrea en Galicia de Millennial Mal.  A competición deste ano estará integrada por 19 títulos, dos cales 17 son propostas internacionais procedentes de 10 países, unha selección que reforza o carácter global do certame e a súa aposta por novos formatos, narrativas e olladas dentro da creación de web series contemporánea.

A Sección Oficial deste ano volve destacar  pola variedade de universos e cuestións que atravesan as súas historias: do humor máis absurdo e surreal aos conflitos afectivos e familiares, das crises de identidade ao paso á vida adulta, da reflexión sobre os modelos de parella e a maternidade ás tensións arredor da pertenza, a memoria, a orixe ou as convencións sociais e culturais. Entre superpoderes convertidos en pesadelo, sociedades secretas, terror con pouso folclórico, retratos sobre masculinidades en crise ou relatos de persoas refuxiadas que tentan reconstruír a súa vida, a selección compón unha panorámica tan heteroxénea como estimulante.

Xunto á Sección Oficial, o festival acollerá tamén a proxección dos dous primeiros capítulos de Millennial Mal, a nova serie creada pola coruñesa Lorena Iglesias e dirixida por ela mesma xunto a Andrea Jaurrieta, que vén de presentarse con grande acollida no Festival de Málaga. A sesión no Carballo Interplay será a súa preestrea en Galicia e terá lugar o venres 17 de abril ás 20.00 horas no Mercado de Carballo, coa presenza da propia Lorena Iglesias. A serie estrearase en Filmin no verán de 2026.

A Sección Oficial poderá verse en tres bloques ao longo do festival
A Sección Oficial do Carballo Interplay volverá ser un dos eixos centrais da programación do festival, cunha selección de 19 series que amosa a vitalidade do formato en distintos territorios e contextos creativos. Canadá, Francia, Estados Unidos, Australia, República Checa, Eslovenia, Dinamarca, Romanía, Suíza e Irán figuran entre os países representados nunha competición que se completa con dúas propostas do Estado.

As proxeccións dividiranse en tres bloques no Mercado de Carballo. O primeiro deles celebrarase o xoves 16 de abril ás 20.00 horas e incluirá A Diwali Dilemma (Reino Unido), Greystanes (Australia), Lady Ada’s Secret Society. S2 (Canadá), Sam (República Checa), Taste of Arrival. The Journey of Hani Abbas (Suíza), Funny Snails (Francia) e El’sardines (Francia).

O segundo bloque terá lugar o venres 17 ás 17.30 horas, con T-Rex (Dinamarca), Alucinema (España), Eyes in the Woods (Estados Unidos), Dream Catchers (Canadá), Respire Fort (Francia) e Delirio Sketches (España).

Finalmente, o terceiro desenvolverase o sábado 18 ás 17.00 horas, con Buried (Irán), 88 (Romanía), No Big Deal (Eslovenia), Ruby (Canadá), Rock Bottom (Estados Unidos) e The Struggle for Existence S2 (Canadá).

 

A escolma deste ano percorre xéneros e rexistros moi diversos, da comedia ao drama, da fantasía á sátira social, pasando polo thriller, o retrato xeracional ou a experimentación formal. Un ano máis, o festival aposta así por unha selección aberta a diferentes estilos e sensibilidades, en liña coa identidade dun certame que converte Carballo nun escaparate privilexiado para a creación dixital e audiovisual en pequeno formato.

‘Millennial Mal’, unha comedia xeracional que chega a Carballo despois da estrea no Festival de Málaga
A outra gran cita arredor das series nesta edición será a preestrea en Galicia de Millennial Mal, unha comedia protagonizada por Judith, unha bibliotecaria no paro de 42 anos que, por un erro burocrático, se ve obrigada a volver á universidade para cobrar unha bolsa. Na tentativa de ocultar a súa idade e encaixar nun contorno moito máis novo ca ela, sométese a unha transformación que acabará por desbordala.

A serie está creada por Lorena Iglesias, que tamén a protagoniza, e dirixida por Lorena Iglesias e Andrea Jaurrieta. O seu paso polo Festival de Málaga situouna entre as novidades recentes da ficción seriada estatal, antes da súa chegada a Filmin este verán. O pase previsto no Carballo Interplay permitirá ver en exclusiva en Galicia os dous primeiros episodios e coñecer de primeira man o proxecto a través da presentación da súa creadora.

Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.