O Carballo Interplay viviu este sábado unha nova xornada de intensa actividade no Mercado de Carballo, xa na recta final da súa 13ª edición, cun programa que arrincou pola mañá cos paneis Scroll, scroll, STOP. As novas regras da divulgación e Internet chiquito, continuou cunha nova sesión da Sección Oficial e completouse con algúns dos directos máis destacados do día, como Pop y Muerte e o concerto de Pantis.
A mañá abriu con dous paneis que puxeron o foco nas transformacións da comunicación en rede. En Scroll, scroll, STOP. As novas regras da divulgación, Kenya Stéphanie, Helio Roque, Autoenfoque e Pablo Lluch reflexionaron sobre como facer circular contidos especializados nun ecosistema marcado pola saturación, os algoritmos e a dificultade crecente para captar a atención. A continuación, Internet chiquito, con Ainhoa Marzol e Carmen Pacheco, propuxo unha conversa sobre as transformacións de internet e das redes, desde as primeiras comunidades dixitais ata a actualidade, cunha reflexión xunto ao público sobre cales son os espazos da rede que queremos habitar.
A tarde deixou tamén un dos momentos centrais da xornada coa proxección do terceiro bloque da Sección Oficial, que reuniu as series Buried, 88, Not big Deal, Ruby, Rock Bottom e The Struggle for Existence S2. Esta competición é un dos grandes piares do festival e suma este ano 19 series, das cales 17 son internacionais e proceden de 10 países, reforzando o perfil do Carballo Interplay como escaparate privilexiado para novas voces e novas narrativas do audiovisual dixital. Ao longo desta edición, a selección reúne propostas chegadas de Reino Unido, Australia, Canadá, República Checa, Suíza, Francia, Dinamarca, Estados Unidos, Irán, Romanía, Eslovenia e España. A xornada do sábado foi, ademais, a de maior presenza internacional arredor desta competición con equipos de Rumanía, Dinamarca e República Checa que participaron presencialmente nos coloquios co público.
A programación continuou con I’ll see you in my dreams. Twin Peaks, un encontro en directo entre Estela Ortiz e Juan Evaristo Valls Boix arredor da serie creada por David Lynch, nunha proposta que levou ao escenario a análise cultural e a paixón cinéfila. Tamén na liña de recuperar series clásicas chegou PLOT TWINS. Duplicadas por guion, coa participación de Lúa e Zeltia Mosquera, dentro do formato Código Fonte Audiovisual. O dúo de irmáns fixeron un repaso polos seus referentes audiovisuais nos que os protagonistas eran tamén irmáns mellizos.
Xa pola noite, o festival acolleu outro dos momentos máis agardados da xornada co directo de Pop y Muerte, o podcast de Kiko Amat e Benja Villegas, que chegou a Carballo como unha das propostas destacadas da programación sonora desta edición. Para a súa participación no festival prepararon ademais un programa especial baixo o título Pop y meigas, no que repasaron imaxinarios vinculados á mitoloxía galega e tamén historias de bruxas de Salem e outros relatos asociados a este universo ante un público de máis de 200 persoas que se achegaron para compartir este podcast en directo na súa primeira actuación en Galicia. A xornada pechouse co concerto de Pantis, que presentou memoria nova na última noite completa do festival no Mercado de Carballo.
O Carballo Interplay pechará mañá, domingo 19 de abril, coa súa gala de entrega de premios (ás 12:30 horas), presentada por Lorena Iglesias, na que se darán a coñecer as obras e proxectos gañadores desta edición. Ao remate, o festival despedirase cunha sesión vermú con Monkey Mambo Club.
Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.
