PRADO RÚA E KONACHADAS XÚNTANSE NUNHA CONVERSA SOBRE A CREACIÓN DE CONTIDO EN GALEGO NAS REDES

O Carballo Interplay incorpora á programación da súa 13ª edición dúas novas actividades centradas na creación de contido en galego e na reflexión crítica sobre o uso das redes sociais: a conversa Sobrevivir en galego nas redes sociais, con Prado Rúa e Konachadas, e o obradoiro Radicalmente online – Activismo en redes sociais, impartido por Marina García Canedo. As dúas propostas, de entrada libre, celebraranse o xoves 16 de abril no Mercado de Carballo e contarán coa asistencia de máis de 350 alumnas e alumnos de centros de ensino de Carballo, Malpica, Cambre, A Coruña e Oleiros.

A primeira das citas será Sobrevivir en galego nas redes sociais, ás 11.00 horas, unha conversa entre Prado Rúa e Konachadas arredor da experiencia de crear contido na lingua propia nun contexto marcado polos algoritmos, o hate, as oportunidades de visibilidade e a relación co público. A sesión abordará, desde unha perspectiva directa e próxima, algúns dos condicionantes que atravesan hoxe a presenza do galego nas plataformas dixitais.

Prado Rúa é un proxecto nacido en 2020 da man dunha creadora que atopou nas redes un espazo para compartir cultura, humor e tendencias desde unha identidade galega propia. Pola súa banda, Konachadas é o proxecto persoal de Nuria Grandío, profesional da creatividade e da publicidade, recoñecido en 2025 co premio Youtubeiras+ á Creación de Contido.

A actividade enmárcase nun contexto no que a presenza do galego entre a infancia e a mocidade continúa a retroceder. Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, só o 16,2% das nenas e nenos de entre 5 e 14 anos fala habitualmente galego, mentres que case un terzo das persoas menores de 15 anos declara non sabelo falar ou falalo pouco ou nada. Neste escenario, o apoio á creación e ao consumo de contido dixital en galego convértese nunha ferramenta relevante para a visibilización e a normalización da lingua entre as novas xeracións.

Nesa liña, o Carballo Interplay vén desenvolvendo nos últimos anos un labor continuado de apoio, difusión e recoñecemento ao ecosistema galegofalante na rede, tamén a través dos seus premios ao Mellor Creador ou Creadora, á Mellor Canle e do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego.

Un obradoiro para identificar prácticas de greenwashing, pinkwashing e activismo performativo

A continuación, ás 12.00 horas, terá lugar o taller Radicalmente online – Activismo en redes sociais, impartido por Marina García Canedo, creadora e estratega en teta&teta e referente en comunicación política e cultura dixital. A actividade analizará como funcionan hoxe a cultura, os medios e o discurso político nas redes sociais, e ofrecerá ao alumnado ferramentas para identificar cando unha mensaxe busca xerar un cambio real e cando queda só na aparencia ou no uso superficial de determinadas causas. Neste sentido, abordaranse conceptos como o greenwashing, o pinkwashing ou o activismo performativo, ao tempo que se proporá unha reflexión sobre como empregar as plataformas desde a conciencia social, o pensamento crítico e a responsabilidade.

Con esta proposta, o festival reforza outra das súas liñas de traballo: promover unhas redes máis seguras, diversas e inclusivas, e facilitar á mocidade claves para comprender o ecosistema dixital actual e participar nel dun xeito máis crítico, responsable e comprometido.

Estas dúas incorporacións súmanse ás actividades xa avanzadas para esta 13ª edición do Carballo Interplay, que se celebrará do 16 ao 19 de abril, entre elas o directo de Pop y Muerte, con Kiko Amat e Benja Villegas; a edición especial de Rajando con…, protagonizada por Samantha Hudson e María Barrier; a gravación en directo de Sexo en Nueva York Podcast, da man de Raquel Piñeiro e Patricia Blanco; e I’LL SEE YOU IN MY DREAMS. TWIN PEAKS, unha conversa entre Estela Ortiz e Juan Evaristo Valls Boix arredor da emblemática serie creada por David Lynch.

Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.