Samantha Hudson e María Barrier chegan ao Carballo Interplay con Bimboficadas

Samantha Hudson e María Barrier, integrantes de Bimboficadas, faranse cargo este ano de Rajando con…, un dos formatos clásicos do Carballo Interplay, levando ao escenario a esencia do seu popular podcast nun espectáculo único que só poderá gozarse en directo. A actividade terá lugar o venres 17 de abril ás 22.00 horas no Mercado de Carballo, no marco da 13ª edición do festival, que se celebrará do 16 ao 19 de abril de 2026.

Será a primeira vez que Samantha Hudson e María Barrier achegan a Galicia este proxecto sonoro, que se suma a unha programación da que xa forma parte Pop y Muerte, o podcast conducido por Kiko Amat e Benja Villegas, que poderá escoitarse en directo o sábado 18 de abril ás 22.30 horas, tamén no Mercado de Carballo. Con estes primeiros anuncios, o festival comeza a debuxar unha nova edición marcada pola presenza dalgunhas das voces máis recoñecibles e estimulantes do panorama dixital actual.

TEMAS DE ACTUALIDADE CUN TON IRREVERENTE, AFIADO E SEN FILTROS

Samantha Hudson, artista e icona da xeración Z, e María Barrier, xornalista e actriz, son as creadoras de Bimboficadas, un podcast nacido da súa amizade e da súa complicidade, no que combinan humor, ironía e unha ollada crítica moi persoal. A súa participación no festival fará que Rajando con… incorpore a esencia deste formato, que revisita con retranca e sen filtros cuestións de actualidade como a identidade de xénero, a precariedade laboral, a saúde mental ou os debates da esfera pública a través da sátira, a cultura pop e o comentario social.

Samantha Hudson é cantante compositora, produtora, guionista, actriz e unha das figuras máis emblemáticas da contracultura contemporánea, categoría que acadou grazas a un discurso crítico e vangardista e a unha traxectoria musical que xoga cos paradigmas do xénero e da liberdade de expresión, tendo o seu maior expoñente nos seus impactantes espectáculos en directo. Pola súa banda, María Barrier é xornalista e actriz. Ao longo da súa traxectoria, Barrier colaborou con medios como Acero e Metal Magazine, presentou coloquios para Filmin e para artistas musicais, e participa tamén no podcast Esta noche libro da SER.

Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica. Conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.

SOBRE CARBALLO INTERPLAY 

Carballo Interplay é un festival de pensamento e contidos dixitais que, desde Galicia, se consolidou como un espazo pioneiro para impulsar novas linguaxes audiovisuais na internet a través de proxeccións, encontros, directos e actividades abertas ao público. 

Xunto á súa programación, mantén unha aposta sostida polo ecosistema creativo en galego mediante iniciativas específicas como o Premio á Creación Dixital Galega, dirixido a canles e proxectos publicados na nosa lingua en plataformas como YouTube, TikTok ou Instagram, e o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego. Nos últimos anos, o festival vén reforzando estes recoñecementos para dar visibilidade, profesionalizar e acompañar creadoras e creadores que desenvolven contidos en galego na rede, ampliando ademais o abano de formatos admitidos e evidenciando o crecente interese da mocidade por crear e consumir internet na súa propia lingua.