Un obradoiro sobre como combater as violencias machistas na rede abre o XII Carballo Interplay

Carballo xa é o centro da creación dixital e do debate sobre como convivimos na rede, así como o lugar de referencia para ver unha selección de series de todo o mundo e descubrir novos talentos galegos. O Carballo Interplay comezou hoxe no Mercado de Carballo, cunha XII edición que pon o foco na diversidade e inclusividade para crear espazos libres e seguros en redes. 

 

O alumnado de 3º da ESO do IES Isidro Parga Pondal de Carballo foi o primeiro en entrar nesta nova edición do festival, para asistir ao obradoiro “Kit de autodefensa dixital” da man de FEMBLOC, unha iniciativa feminista sen ánimo de lucro para a prevención, detección, atención e reparación das violencias machistas dixitais. A privacidade en liña, o control das imaxes íntimas ou privadas, e como responder en casos de control e vixilancia son algúns dos temas que se trataron no obreadoiro. Así, o alumnado aprendeu a controlar a información que comparte ou a crear contrasinais fortes dunha forma didáctica e fácil de comprender.

 

O Carballo Interplay indagou tamén no universo dos videoxogos, un ámbito esencial na historia do audiovisual galego e máis contando en Galicia co primeiro museo aberto en España adicado á súa historia, o MUVI, un proxecto da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia. Lucas Costas, un dos seus integrantes, reivindicou o papel do videoxogo como medio de comunicación, expresión e creación, así como unha ferramenta educativa no sentido máis amplo da palabra. No panel tamén repasou a historia do videoxogo en Galicia, poñendo o foco en The Wall, o primeiro videoxogo comercial feito desde Galicia.

 

ESTREA DA SERIE GALEGA “DELIRIO SKETCHS”, UNHA SERIE DE COMEDIA “CAMP” SOBRE A SOCIEDADE GALEGA

 

As series tamén contaron con espazo nesta xornada. Por unha banda coa proxeción dos dous primeiros capítulos de Dieciocho (Hammudi Al-Rahmoun Font, Damià Serra Cauchetiez, 2024) unha produción de RTVE coa que rompen cos prexuizos sobre os migrantes. Durante a tarde o público gozou de varias obras da Sección Oficial e da estrea de Delirio Sketches, da directora viguesa Bea Saiáns, a serie foi gañadora do premio a mellor produción na pasada edición do festival. Presentáronse os tres primeiros capítulos coa presenza da súa directora, elenco e equipo da serie. 

 

Os Delirio Sketchs son capítulos cun aire camp e trash de entre dez e quince minutos de duración, cargados de intensidade e humor febril, nos que se abordan desde o surrealismo e o delirio máis intelectualizado diferentes problemáticas que afectan a nosa sociedade. Diferentes xanelas de conflicto representadas por irreverentes sketchs cunha mistura de coreografías, cancións, reportaxes e momentos estelares de “famoseo underground galego”, os sketchs funcionan como parte dun todo e son diferentes espellos do caleidoscopio que é a nosa realidade.

 

O talento galego audiovisual segue medrando desde o Carballo Interplay. Durante a tarde do venres os finalistas ao Premio a Mellor Produción presentaron os seus proxectos, para optar a un premio de 3.000€ para facelos realidade.

 

As crianzas máis novas tamén contaron con espazo neste Carballo Interplay. Durante a tarde, nenos e nenas de entre 3 e 8 anos asistiron á proxección de Bibopalula, a primeira serie musical de debuxos en galego para crianzas, na Biblioteca Rego da Balsa. 

O día rematou cunha gran dose de risas da man de Non Saímos do Lixo, un fenómeno revelación na rede que levou o seu humor ao show en directo en Axamonería. 

Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación da Coruña e Xunta de Galicia a través de AGADIC.