Aínda que sempre fomos INTERNET LOVERS, hai un internet que segue sen gustarnos. Aquel máis escuro, hostil ou violento, que afecta directamente á saúde mental e á participación nas redes. E iso fai que moita xente abandone os espazos que ocupa pola súa transformación.
Por iso, nesta edición incorporamos unha actividade especial con dúas profesionais e expertas nese internet que nos encanta que farán un percorrido audiovisual pola súa relación cas redes. Explorarán a partir das súas experiencias como nos comunicamos e como creamos, dende as primeiras comunidades, pasando por un internet máis aberto, ata chegar ao que temos hoxe en día: pequenas vías de escape, pequenas portas ou espazos case íntimos e pechados a un pequeno grupo de amizades nos que a xente se relaciona entre si na actualidade no ecosistema dixital. Un internet chiquito.
Somos parte dun internet que mira ao pasado para entenderse, que aposta polo presente para non desaparecer e que se pregunta polo futuro sen medo. Un internet que se materializa, un ano máis, nas rúas de Carballo, convertendo a vila nun punto de encontro para algunhas das voces máis interesantes do panorama dixital actual.