Un fogar para a creación dixital galega. Esa é unha das definicións do Carballo Interplay, que na súa XII edición segue apostando polo talento galego programando podcast e programas de tendencia na comunidade. Nesta edición, que será do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo, demostrará tamén como a comunidade dixital de Galicia non ten fronteiras con un encontro co mestre de Nova Iorque Andy Chichester, un “ianquie de alma galega”, como el mesmo se define. Chichester quedou prendado de Galicia desde unha visita que fixo fai anos, na súa etapa de estudante de filoloxía española, e é dos membros máis queridos da comunidade dixital galegofalante, un exemplo de defensa da lingua que sae do común. Na súa conta de X, @chibarinclub, e na canle de Youtube Mira Quen Fala Galego comparte vídeos nos que fala de diversos temas en galego. O Carballo Interplay será o espazo para desvirtualizar a Chichester, que viaxará desde Estados Unidos para falar co actor Federico Pérez sobre a súa experiencia como neofalante e o seu compromiso coa cultura galega.
O Carballo Interplay ten un papel vital a nivel galego á hora de apoiar e impulsar aos novos creadores e creadoras. Un exemplo disto é o videopodcast O Faiado, proxecto creado en 2023 por estudantes de xornalismo e comunicación audiovisual, para comentar a actualidade sobre a cultura pop, galega e internacional sempre desde o humor. Na pasada edición gañaron o premio a Mellor Canle Dixital en Galego e no mesmo ano o Premio Revelación en Youtubeiras. Agora volven ao festival na xornada do venres, no marco da Zona Pro, para que o público goce da gravación en directo dun dos videopodcast máis en tendencia da comunidade.
O primeiro videoxogo comercial galego ou un obradoiro sobre educación dixital entre a programación do xoves 24 de abril
A historia dos videoxogos en Galicia, a sátira social e política e a educación no ámbito dixital marcarán a xornada do xoves 24. Durante a mañá o público, no que estarán escolares e universitarios, teñen o obradoiro “Kit de autodefensa dixital” con Fembloc, un obradoiro pensado para visibilizar as tendencias machistas na rede e dar ferramentas para combatelas. A privacidade en liña, o control das imaxes íntimas ou privadas, e como responder en casos de control e vixilancia. Así, o alumnado aprenderá a controlar a información que comparte ou crear contrasinais fortes dunha forma didáctica e fácil de comprender.
Por primeira vez o Carballo Interplay indagará tamén no universo dos videoxogos, un ámbito esencial na historia do audiovisual galego e máis contando en Galicia co primeiro museo aberto en España adicado á súa historia, o MUVI, un proxecto da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia. No Interplay reivindicarán o videoxogo como medio de comunicación, expresión e creación, así como unha ferramenta educativa no sentido máis amplo da palabra, nun panel no que repasarán tamén a súa historia en Galicia poñendo o foco en The Wall, o primeiro videoxogo comercial da comunidade.
As webseries tamén contarán con espazo nesta xornada. Por unha banda coa proxeción dos dous primeiros capítulos de Dieciocho, unha produción de RTVE coa que rompen cos prexuizos sobre os migrantes. Durante a tarde o público gozará de varias obras da Sección Oficial e da estrea de Delirio Sketches, o proxecto gañador na pasada edición do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego.
O día rematará cunha grande dose de risas da man de Non Saímos do Lixo, un fenómeno revelación na rede que levará os seus sketches ao vivo. Un espectáculo que será un laboratorio de comedia por onde pasarán algúns dos seus clásicos e se probarán novos personaxes e sketches. Entre as súas caras máis coñecidas atópanse Denny Horror, Susana Sampedro, Cata Ukelele ou Marta Doviro.
Facu Díaz e Miguel Maldonado ou o videopodcast “Keep ir cutre” chegan a Galicia
O Carballo Interplay xa publicou a súa programación de shows. O dúo formado por Facu Díaz e Miguel Maldonado tomarán os mandos da sección habitual do festival “Rajando con…” na noite do venres, coa súa xenuina mestura de sátira política, humor e improvisación. Outro dos espectáculos habituais do Carballo Interplay é o CFA -Código Fonte Audiovisual- que nesta ocasión presentará o escritor e guionista Bob Pop. Tamén no sábado pasarán polo Mercado de Carballo Ángela Henche e Albanta San Román, presentadoras do podcast “Keep it cutre” un programa que nace das súas charlas do día a día cunha gran dose de humor tocando temas relacionados co sentir da xeración millennial. A crise da vivenda é un dos grandes temas na axenda diaria e chegará tamén á nova edición do Carballo Interplay da man da cómica Ana Polo. No espectáculo “Aquí no hay quien viva” Polo seguirá o formato de El Precio Justo para falar xunto ao público do prezo ao que se atopa a vivenda en Galicia.
O festival está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación de A Coruña e AGADIC.
