Vinte series de ata 12 países de todo o mundo compoñen a Sección Oficial do Carballo Interplay

A Sección Oficial de series a competición do Carballo Interplay atrae a talento de todo o mundo. Para a XII edición do festival de contidos dixitais, que será do 24 ao 27 de abril no Mercado de Carballo, foron seleccionadas vinte propostas de ata 12 países, destacando a gran variedad de xénero, estilos e temáticas. 

 

Canada será o páis máis representado no certame galego, con cinco series feitas por creadores e creadoras dese país. O segue España, con catro series no concurso, das cales tres son galegas. “Así falamos, así sentimos”, unha comedia sobre Nabiza Girl, unha superheroína amante da lingua que amosa que a forma de falar dun pobo é o reflexo da personalidade dos seus habitantes, dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde; “E logo, quen foi?” unha microserie de ficción de xénero policial dirixida por Teresa Barberena e volve ao Carballo Interplay “A moza que abortou e o contou”, gañadora a Mellor Proxecto en 2023, un falso documental de Eire Cid e Rosalía Quiroga. Tamén chegarán a Carballo proxectos de Estados Unidos, Irán, Reino Unido, Chile, Portugal, Alemaña, Puerto Rico, Australia, Francia e Austria. A programación completa pódese consultar na páxina web do festival.

 

 As proxecións dividiranse en bloques para gozalas ao longo do festival. O Xurado Oficial do certame determinará ás gañadoras, que se anunciarán no Mercado de Carballo o domingo 27 ás 12:30, nunha pequena gala presentada por Belén Puime e Miguel Canalejo. O Xurado Oficial está composto por Bob Pop, crítico televisivo, director de televisión e teatro e guionista; Albanta San Román, actriz, escritora e creadora de contido e Jorge Boquete, director galego que asina proxectos como “Peter Brandon”, “El método sueco” ou a recente “A arte de ser (mal) pai”. Entregarán o premio a Mellor Serie -de 800 euros e trofeo- e á Mellor Dirección -con 200 euros e trofeo-. O Xurado Novo, que entregará un premio de 400 euros e trofeo, está formado pola xornalista Celia Eiras; a directora Lara Caeiro e a cineasta Antía Rodeiro.

 

Estrea de Delirio Sketchs, unha ollada cómica e camp á realidade galega 

 

O Carballo Interplay acollerá a estrea de Delirio Sketchs, da directora viguesa Bea Saiáns, a serie gañadora do premio a mellor proxecto de serie na pasada edición do festival. Presentaranse os tres primeiros capítulos coa presenza da súa directora, elenco e equipo da serie. Esta estrea será o xoves 24 ás 20:00h. Os Delirio Sketchs son capítulos cun aire camp e trash de entre dez e quince minutos de duración, cargados de intensidade e humor febril, nos que se abordan desde o surrealismo e o delirio máis intelectualizado diferentes problemáticas que afectan a nosa sociedade. Diferentes xanelas de conflicto representadas por irreverentes sketchs cunha mistura de coreografías, cancións, reportaxes e momentos estelares de “famoseo underground galego” os sketchs funcionan como parte dun todo e son diferentes espellos do caleidoscopio que é a nosa realidade.

Ademáis, o festival de contidos dixitais Carballo Interplay acollerá a preestrea en Galicia da serie musical Mariliendre, do director lucense Javier Ferreiro. A proxección será o venres 25 de abril ás 20:00 no Mercado de Carballo, con entrada de balde. Contará coa presencia do seu director e da actriz protagonista, Blanca Martínez.